Divulgación e cultura para combater a violencia de xénero en Monforte

A capital da Ribeira Sacra conmemora o Día Internacional da Violencia de Xénero con numerosas e variadas actividades.

Por X.M. Fernández | Monforte | 22/11/2017 | Actualizada ás 19:45

Comparte esta noticia

O vindeiro sábado, 25 de novembro, haberá na Casa da Cultura unha visita guiada á exposición De berros e olladas, unha mostra de diferentes estilos fotográficos que trata de expresar de xeito visual a repulsa contra a violencia de xénero e que xa se pode visitar estes días. A visita comeza ás 19 horas e estará a cargo de Marga Piñeiro.

Ilustración Hermanager Producións
Ilustración Hermanager Producións

Posteriormente, haberá vaise representar S/T. Muller Casa, unha acción artística coa actuación de Patricia Vaud. A concelleira de Cultura, Marina Doutón, vai ser a encargada de pechar o acto coa lectura do Manifesto contra a violencia de xénero.

Outras actividades

As persoas que queiran expresar o seu rexeitamento e condena á violencia de xénero, poden dirixirse ó Concello para asinar nun libro. Estará nunha mesa á entrada da Casa Consistorial entre o 20 e o 30 de novembro.

Hoxe mércores 22 e xoves 23, os alumnos de sexto de primaria dos centros educativos de Monforte asistirán na Casa da Cultura a unha serie de obradoiros nos que se traballará o coñecemento e a prevención da violencia de xénero no contexto dixital. A actividade, que estará a cargo da entidade Pantallas Amigas, foi concedida pola Secretaría Xeral de Igualdade, no marco da Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero. A concelleira de Cultura, Marina Doutón, sinala que “dende o Concello pensamos que esta é unha idea moi interesante para traballar cos escolares. Os datos reflicten que a violencia de xénero na adolescencia está en aumento e cada vez en idades máis temperás, por iso, consideramos que iniciativas coma esta poden axudar a atallar o problema. O manexo de móbiles e da internet é algo que está no día a día dos rapaces, por iso facer fincapé niso pode ser fundamental”.

Libro de sinaturas no Concello de Monforte
Libro de sinaturas no Concello de Monforte

Ademais do anterior, este mércores a Casa da Cultura acolle a charla Educación Dixital positiva: como controlar sen invadir, a cargo de Pantallas Amigas. Será a partir das 18 horas e está dirixida a todas aquelas persoas interesadas na promoción dun uso seguro e saudable das novas tecnoloxías entre nenos e adolescentes.

O xoves, 30 de novembro, Inés Fernández Lamela presentará o libro As miñas fillas devolvéronme a vida, unha obra na que relata o maltrato sufrido durante 30 anos. O acto será no Centro do Viño a partir das 20 horas.

Mesa de Coordinación para a mellora da atención ás vítimas

O venres, 24 de novembro, o Centro Cívico Social vai ser escenario da sesión formativa O papel do Ministerio Fiscal coas vítimas da violencia de xénero e os seus fillos e fillas nos procedementos civís e penais. Estará a cargo da Fiscal Delegada de Violencia contra a muller en Lugo, Aurea Martínez. Ó remate, haberá unha xuntanza da Mesa de Traballo.

O luns, 27 de novembro, o Fondo Galego de Cooperación vai impartir un obradoiro participativo, que estará a cargo de A Tropa de Trapo Contamos Todas, dirixido ós alumnos de 4º de Secundaria. A idea da actividade é concienciar sobre a existencia de desigualdades entre mulleres e homes. Será ás 11:30 horas na Casa da Cultura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta