O CPXG critica que as tertulias dos medios sexan “reunións dos vellos sanedríns” e aposta pola “desmasculinización”

Pide que se traten “axeitadamente” os casos de violencia machista desde os xornais e tamén unha “ollada transversal de xénero” tamén nas redaccións dos medios de comunicación.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/11/2017 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) reclama un tratamento informativo axeitado dos casos de violencia machista, e insta a todos os medios a adoptar, dunha vez por todas, unha ollada transversal de xénero que achegue igualdade a todas as seccións.

Micros na Radio Galega
Micros na Radio Galega | Fonte: RG

Así, suliña que a maioría dos xornais, radios e cadeas de televisións, a través das súas informacións, pero tamén da publicidade e da programación, seguen a difundir unha imaxe estereotipada da muller e unha cultura machista que está na base das condutas violentas.

O CPXG destaca a necesidade de elaborar unha Axenda de Expertas e/ou Rexistro de mulleres líderes en opinión que contribúa a facer visible un modelo igualitario de mulleres profesionais, independentes e protagonistas das súas vidas e das súas decisións. “As tertulias, faladoiros e informativos deben desmasculinizarse e non poden parecer nunca máis as reunións dos vellos sanedríns do Antigo Testamento”, engade.

Ademais, fronte a algunhas informacións aparecidas nos últimos tempos sobre discriminación e violencia de xénero no ámbito da comunicación, lembra que a igualdade ten que percibirse en primeira instancia no interior dos medios. “Non pode ser que a condena do supremacismo machista nas informacións sexa unha farsa que non estea apoiada por verdadeiras políticas de igualdade no interior das redaccións”, incide.

E como facelo?. Para o CPXG a solución éstán en promover espazos e programas paritarios que axuden a xerar conciencia social é a fórmula. “O método pasa por fomentar a paridade nos postos de responsabilidade e tamén por incluir verdadeiras políticas de igualdade nos convenios colectivos”, suliña.

ESTRUTURA PATRIARCAL

“Saber recoñecer a estrutura patriarcal que promulga o supremacismo de xénero –ás veces amparado na condescendencia e o paternalismo– é imprescindible para elaborar unha boa información”, apunta a institución nun comunicado. “Por iso, a nosa obriga como profesionais é axudarmos a comprender os alicerces do machismo, esmiuzalos para que a sociedade os visibilice e, sobre todo, evitar reproducilos e difundilos”, engade.

Neste sentido, pide tamén o compromiso de toda a sociedade, das direccións dos medios nos que traballamos e, especialmente, dos poderes públicos. “Nas redaccións, na rúa, nas roldas de prensa, nos actos públicos, ten que ser unha constante o proceso de identificación e condena de estereotipos sexistas”, incide. 

Deste xeito, entende que unha “verdadeira vontade de erradicación da violencia” require da responsabilidade urxente dos medios de comunicación, pero tamén dos poderes públicos, para desenvolver labores de formación en igualdade. “Reclamamos unha especial sensibilidade ás persoas responsables da xeración de contidos audiovisuais e da programación de campañas publicitarias”, suliña.

Tamén lembra a conveniencia de crear Comités de Xénero en cada medio, a modo de observatorio, para promover e vixiar o tratamento non sexista da información, e implementalo dun xeito transversal en todas as seccións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 zasvarela crego

A Xunta de Governo do Colexio.......Nótase , nótase bén que Vds. leèron O Principio de Peter.......Que A Xunta os siga untando....Por certo ..o principio de Peter e o principio de untuósidade.... son do mesmo autor.