Afundación presenta o microfestival de creación gráfica «Magosto gráfico» dentro do proxecto Acreativa

Inclúe un mercado de ilustración e autoedición, un contacontos e un concerto ilustrados, curtas de animación ou unha mesa redonda con artistas e creadores.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 24/11/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Afundación presenta o «Magosto gráfico», un microfestival de creación gráfica que ten como obxectivo reunir distintas sensibilidades creativas e facer partícipes da arte do debuxo, da ilustración e do cómic aos visitantes. Promovido polos colectivos Miñoco, Ánimas Anónimas, AGPI e Autobán, terá lugar este venres 24 e o sábado 25 de novembro na Sede Afundación da Coruña con entrada libre e gratuíta.  

Imaxe do magosto gráfico
Imaxe do magosto gráfico | Fonte: Afundación

Segundo informa a entidade nun comunicado, esta actividade enmárcase no proxecto Acreativa, a nova proposta cultural de Afundación que ten como obxectivo presentar as novas tendencias e vangardas culturais. A iniciativa acolle actividades dos máis diversos ámbitos: arte, música, deseño, sector audiovisual, gastronomía ou divulgación e outorga un especial protagonismo aos novos creadores, fomentando a conexión e interacción entre distintas disciplinas.

A programación de actividades comezará este venres a partir das 18.00 h coa apertura dos dous espazos permanentes do Magosto Gráfico. En primeiro lugar, a mostra Expo Inktober, unha exposición dos autores e autoras Lucía Corral, Pepe Mansilla, Roque Romero, Inés Casajeros, Diego Blanco, Álvaro López e Roberto M. Soler que asumiron o reto Inktober: subir ás redes sociais un debuxo orixinal cada día do mes de outubro. 

Doutra banda, tamén se inaugurará o Mercado de Ilustración, que contará con postos con produtos ilustrados de Nuria Díaz, Espazo Anfibio, Nuria Figueiredo, Leandro Barea, Carlos Arrojo, Colectivo Fracasso, Axóuxeres e Chisqueiros, así como cun posto colectivo de venda de fanzines e material autoeditado. 

Ás 19.00 h celebrarase o Drink & Draw especial animación, unha quedada para debuxar aberta tanto a profesionais como a afeccionados. Propoñeranse exercicios sobre creación de elementos e personaxes para seren posteriormente animados polos integrantes de Ánimas Anónimas. 

Para pechar a primeira xornada, a partir das 20.30 h terá lugar un concerto ilustrado a cargo de Ocre e con debuxo en vivo de Paula Esteban e Mateo Alvarellos.

O SÁBADO

O sábado 25 de novembro a Sede Afundación da Coruña abrirá as súas portas ás 11.30 h para continuar coa Expo Inktober e o Mercado de Ilustración. Ás 12.00 h está programada a actividade Minibán para público familiar, unha sesión de contacontos a cargo de Iván Serrano, ilustrado en directo por Roberto M. Soler e Yupiyeyo. 

Ás 13.30 h comezará a sesión vermut amenizada por Super Noodles. A partir das 16.00 h integrantes do Colegio Hogar Afundación ofrecerán a charla «A impresión dixital ao servizo da creatividade. Un mundo de posibilidades» e ás 17.00 h farase a proxección dunha selección de curtas de animación independentes realizada por Martín Romero. Poderase ver Double king, de Félix Colgrave; Cat city, de Vitoria Vincent; The kiosk, de Anete Melece; e Little girl, de Steven Subotnick. 

Despois do espazo audiovisual, ás 19.00 h, terá lugar o coloquio «Mamá, quero ser artista! Venturas e desventuras do mundo da creación» no que os novos creadores Gemma Pérez, Yago García e Giovanna Lopalco falarán sobre a súa evolución persoal e artística. Estará moderada por Bernal Prieto. 

Finalmente, pechará o Magosto Gráfico a IlustraNoite, un formato áxil pensado para que varios creadores ou colectivos presenten a súa obra de forma rápida e amena. Participarán Santy Gutiérrez, Isa Albela, Espazo Anfibio, Roque Romero, Cogomelo Games e Sekone, entre outros.   

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta