Centos de cidadáns participan nunha andaina contra os crimes machistas en Lugo

O Presidente da Deputación, Darío Campos, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sumáronse á iniciativa En Camiño contra a Violencia, xunto a membros dunha ducia de asociacións e colectivos lucenses.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 24/11/2017 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

Centos de persoas participaron este venres na andaina En Camiño contra a Violencia, organizada polo alumnado da Fundación TIC, dentro da campaña Lugo En Negro. Unha iniciativa que contou coa presenza do Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos, e da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e na que participaron membros dunha ducia de asociacións e colectivos lucenses. Durante a marcha, camiñantes de todas as idades encheron de bandeirolas negras o treito que vai da Escola de Imaxe e Son á praza de San Marcos.

Andaina En Camiño contra a Violencia, organizada polo alumnado da Fundación TIC
Andaina En Camiño contra a Violencia, organizada polo alumnado da Fundación TIC | Fonte: Deputación de Lugo

A andaina rematou diante da Deputación, onde se procedeu á lectura, por parte da alcaldesa, dun manifesto institucional de repulsa polos crimes machistas. A continuación, unha parella de actores, realizou unha performance  inspirada na loita das vítimas de violencia exercida polos homes.

Trátase da segunda marcha cidadá que os estudantes da EIS convocan con éxito de asistencia, na véspera do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o día 25 de novembro en todo o mundo.

VARIAS INSTITUCIÓNS

Aos alumnos e traballadores da TIC uníronse usuarios do InLugo e veciños de todo o municipio, institucións, asociacións sen ánimo de lucro e clubs deportivos. En concreto, participaron membros do C.B. Breogán, do C.D. Lugo, Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, Asociación de Xóvenes Empresarios (AJE),  Asociación de Viúvas de Lugo, SOMOS Unidos por el Cáncer, Federación de Asociacións de Veciños, Bonhomía, Aspnais e Asociación de Amas de Casa.

En Camiño contra a Violencia xurdiu o curso pasado a proposta dos alumnos e alumnas de primeiro curso do Ciclo Superior de Produción da EIS. Os estudantes que este ano tomaron o testemuño decidiron cambiar o sentido da marcha, e convocaron aos participantes diante da escola para saír cara á Deputación. Na EIS repartiron as bandeirolas negras que levaron en sinal de dó polas vítimas.

O alumnado, co apoio dos seus profesores, ocupáronse de todo o proceso de organización e desenvolvemento da marcha. Á sensibilización social contra a lacra machista, a iniciativa engade o valor de contribuír a súa formación como práctica nun suposto real. Os estudantes tamén elaboraron un vídeo de denuncia da violencia machista para animar aos lucenses a participar na andaina “En Camiño contra Violencia”.

Na pasada edición, os estudantes sinalizaron a ruta con pegadas negras, que un centenar de camiñantes seguiron vestidos con camisetas negras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta