O Concello de Santiago ve "urxente" mellorar a lexislación e os orzamentos contra a violencia machista

Martiño Noriega propón aos mozos levar "máis aló dunha data" o Día contra a Violencia Machista, un "mal" da sociedade actual

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2017 | Actualizada ás 14:41 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago considera "insuficientes" os esforzos da lexislación para a loita contra a violencia machista e ve "urxente" mellorala. En concreto, pide "revisar a propia definición de violencia de xénero e o seu alcance", "recoñecer xuridicamente o fenómeno do homicidio" e incluír "apoio económico, psicolóxico e social" para as mulleres nesta situación e para os seus fillos.

Alumnos de varios institutos de Santiago no acto contra a violencia machista
Alumnos de varios institutos de Santiago no acto contra a violencia machista | Fonte: Europa Press

Ademais, o consistorio insta á Xunta a que "avance na concreción" do pacto galego contra a violencia machista acordado por unanimidade o pasado 25 de xaneiro. Neste sentido, a institución pide ao Goberno autonómico que "empece por incrementar o orzamento de 2018" para a causa, co obxectivo de que chegue a supor o 1 por cento do total das contas anuais da Xunta.

Así o expresou a administración local da capital galega nun manifesto lido este venres pola escritora compostelá Rosa Aneiros durante un acto celebrado este venres no Teatro Principal con motivo do Día Internacional da Eliminación das Violencias Machistas, que ten lugar este sábado 25 de novembro.

Ao evento tamén asistiron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Igualdade, Marta Lois. Ademais, o acto contou con diversas actuacións, levadas a cabo polo equipo feminino de 'roller derby' As Brigantias e os alumnos dos centros santiagueses IES Arcebispo Xerlmírez I, IES Arcebispo Xelmírez II, IES Plurilingüe Rosalía de Castro e IES Lamas de Abade.

A institución local, tal e como expresa o manifesto acordado por todos os grupos políticos, comprométese así a ter a violencia de xénero como "unha das máximas prioridades" da axenda política e a "seguir incrementando" os recursos municipais a estas políticas.

"A administración local, por ser a institución máis próxima á cidadanía, ten a responsabilidade de ser unha referencia na abordaxe desta problemática, e así o está sendo Santiago de Compostela", concluíu coa lectura Rosa Aneiros.

45 MULLERES ASASINADAS EN ESPAÑA

O manifesto tamén lembrou que, no que vai de ano, un total de 45 mulleres foron asasinadas en España por violencia machista, unha delas en Galicia. E é que, segundo datos de 'ONU Mulleres' aos que se refire o escrito, este problema afecta ao 35 por cento das mulleres do mundo.

Pola súa banda, Martiño Noriega asegurou que a violencia de xénero e o heteropatriarcado son "unha secuela" social. "Enfrontámonos a algo moi serio, algo que fala mal da sociedade actual, algo que constata que algo non funciona", expresou o primeiro edil.

O dirixente animou tamén aos alumnos dos institutos presentes no acto a continuar coa campaña do 25-N para que "vaia máis aló do ornamento, máis aló dunha data, porque é unha cuestión que afecta a todos".

Con respecto á campaña 'Compostela en Negro', Noriega afirmou que "chegou para quedar" e valorou o "efecto contaxio por gran parte do país" até chegar a case 80 concellos, tres deputacións e 5.000 entidades. Por último, agradeceu a todas as institucións e grupos locais participantes, xa que, ao seu modo de ver, "esta campaña vai máis aló de posicións institucionais e partidistas".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta