“A inundación de eucaliptos en Galicia é un verdadeiro desastre medioambiental”

O naturalista Francisco Santiago López é o impulsor dunha moción que acaba de declarar Corcubión libre de eucaliptos. "Dende Abeiro ata Torrelavega, nunha franxa de 50 quilómetros dende a costa, é todo un eucaliptal", denuncia nesta entrevista. Asegura que á Xunta, o problema do eucalipto, "fóiselle da man" e que a maior madereira de Portugal está ameazando con vir a Galicia. Lalo Insua, alcalde de Corcubión xa dixo que erradicará esta especie dos terreos de propiedade municipal e o concelleiro José Manuel Romero, vinculado ao mundo forestal, foi un dos primeiros en apoiar a moción para rematar co eucalipto.

Por Galicia Confidencial | Corcubión | 27/11/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Corcubión acaba de ser declarado concello libre de eucaliptos. Unha proposta que chegou ao pleno en base ao novo Regulamento de Participación Cidadá, aprobado en 2015 neste municipio, e que foi impulsada pola recén creada Asociación Boca de Sapo.

Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/
Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/

Foi o presidente da entidade, un dos cazadores de imaxes naturais máis prolíficos de toda a Costa da Morte a través da súa canle Signatus Films, Francisco Santiago López, o encargado de dar lectura á moción. Nesta entrevista, este defensor da natureza, explica o porqué desta iniciativa e o perigo que supón, segundo el, a proliferación de eucaliptos en Galicia.

É tan grave a situación forestal en Galicia?

A inundación de eucaliptos é un verdadeiro desastre medioambiental. Non hai planificación nin ordenación forestal en Galicia. ENCE é o maior monopolio forestal de Galicia e todo o eucalipto, tanto o costeiro como o que está xurdindo xa nas zonas de alta montaña, acaba repercutindo na celulosa.

Eu creo que á Xunta se lle foi das mans a cousa. En 1992 a Xunta planificou que en 2030 houbese 250.000 hectáreas de eucalipto en Galicia, e hoxendía hai xa 600.000 hectáreas.

A situación chega a ser tan grave que cando Portugal prohibiu novas plantacións de eucaliptos despois das últimas vagas de lumes, a maior madereira de Portugal está ameazando en virse para Galicia…

Un amante da natureza coma ti nota a diferenza en canto á presenza de lobos, raposos, roedores, coellos… nas zonas con máis eucaliptos que nas que hai menos exemplares desta especie?

Nas zonas de bosque mixto ou nos bosques de frondosas hai máis biodiversidade que nun eucaliptal, non cabe dúbida. Pero tamén é certo que o que pasa é que os animais se adaptan. Todo hai que dicilo... E eu teño referencias científicas de que os xabaríns e os lobos encaman en eucaliptais, polo feito de que no solo destes bosques de eucaliptos hai moito sotobosque. Ollo, e hai que lembrar que o sotobosque é moi importante para a vida dun bosque, que agora estase falando sempre de limpar os montes... pero hai que ter coidado de que non vaian eliminar parte da masa forestal necesaria.

Como nace Boca de Sapo?

Xa levábamos tempo Serxio, Álex, Jose Romero e Juan Becerra reflexionando sobre o desastre que é o tema dos eucaliptos, e tiñamos gañas de facer algo. Eu levo ademais un tempo falando con xentes lucenses que están levando un proxecto que se chama “Custodia do Territorio”, que son biólogos, veterinarios e que andan asesorando a gandeiros, propietarios de terras para levar a cabo prácticas forestais de carácter sostible. E están facendo cousas moi boas, como reintroducir o oso no Courel, e mesmo están movendo pasta, con apoio de proxectos europeos.

Con iso na cabeza, e vendo que se poden facer cousas, falando uns cos outros e pensamos na posibilidade de presentar unha moción pedindo declarar “Corcubión Libre de Eucaliptos”. A partir de aí nace a opción de facer a Asociación, e foise unindo xente e penso que temos un equipo moi completo, con xentes diferentes e mesmo a colaboración de Belén Lorenzo, profesora de bioloxía e Fernando Pereiras, ornitólogo. Isto vai collendo máis forma.

A Asociación será meramente medioambiental ou pensades afrontar outros asuntos?

Boca de Sapo non tratará só medio ambiente. Queremos tratar culturais, urbanísticos e sociais. Pensamos, por exemplo, en armar actividades relacionadas coa poesía; ou en temas urbanísticos pensamos darlle unha volta á vila, intentando dar propostas para solventar moitos puntos negros que ten.

Sobre a moción , que vos dixeron os grupos municipais?

Falamos con todos os grupos políticos e todos estiveron dacordo á primeira. O alcalde socialista, Lalo Insua, dixo que tampouco lle gusta nada o tema dos eucaliptos, e comprométese a erradicalos nos terreos de propiedade municipal (unhas 4 ou 5 hectáreas), reforestando con frondosas. Díxonos que hai posibilidade de facer un concurso no que varias empresas maderistas presentarán as súas propostas e que escollerán a máis proveitosa para o Concello. A idea podería ser plantar frondosas facendo ademais sesións de concienciación mediambiental cos escolares como están facendo noutras zonas como en Laxe ou en Fisterra.

Despois fumos falar con PACOR, que tamén se postulou a favor, sinalando que o Concello ten que dar exemplo, e que lle parece unha boa idea. Por parte do PP, o concelleiro José Manuel Romero, un home metido tamén no mundo forestal, preguntounos directamente “onde hai que firmar”, amosando o seu total compromiso. E o BNG tamén se postulou a favor de aprobalo canto antes.

Agora ben, é posible declarar un Concello Libre de Eucaliptos e poder levalo á práctica? Que pasa cos propietarios de montes? Como se executaría a moción?

Efectivamente... O paso seguinte é falar cos propietarios. O primeiro que temos pensado facer é unha mesa redonda, á que intentaremos facer que veñan todos os propietarios do concello. Temos que ir casa por casa invitándoos, porque sabemos que cun bando non se vai enterar a xente. Pero como Corcubión é pequeno, non hai tanto problema.

Na mesa participarán un experto de ordenación forestal, un perito agrícola, un biólogo, un especialista en temas de mancomunidades e unha persoa que saiba como funcionan as novas SOFOR, unha nova entidade que vén de crear o goberno do PP da Xunta, que aínda que non nos pareza perfecto, é o que hai que hai que aproveitalo. As SOFOR (Sociedades de Fomento Forestal) son empresas que fan unha especie de “concentración parcelaria”, creando unha SL, unindo aos propietarios. A idea é a de levar a cabo un monte de frondosas con toda a terra unificada, con subvencións da Xunta, quedando os beneficios para os propietarios.

Así poderíamos invitar aos propietarios a pensar nunha ordenación mancomunada do monte.

E sería posible declaralo en toda unha bisbarra?

Na nosa moción hai un punto que di que o Concello incite aos demais concellos limítrofes a facer a mesma declaración. Non sería imposible. Ademais, tamén pensamos levar a mesa redonda a outros concellos como Cee, Dumbría, Fisterra, Muxía…

Hai exemplos para esperanza?

Mira, dende Abeiro ata Torrelavega, nunha franxa de 50 km dende a costa é todo un eucaliptal, incluídas Asturias e Cantabria, pero Galicia leva a palma. Aínda así, hai exemplos para ter esperanza, como o Parque Natural de Monfragüe, un bosque mediterráneo regado polo río Tiétar, con sobreiras, encinas… cunha fauna incríble. Un bosque que nos anos 80 era un eucaliptal, como explica o Centro de Interpretación nun documental, que conta como os veciños loitaron contra a invasión dos eucaliptos que viñan impostas do réxime franquista. A xente agora vive do turismo paisaxístico e ornitolóxico, pero tamén do corcho e da madeira que dan as sobreiras. Porque non se pode vivir só dunha cousa. Ten que haber unha biodiversidade natural, e ten que haber variedade para producir.

Do medio colaborador QPC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Anti...

A verdade é que tes moitos alcolitos ou cobras de Ence ou es primo da mariana que lle deu 60 anos máis de presente a empresa máis noxenta de Pontevedra.

1 A verdade

Como todos os antis... Non deixa de manipular datos e mentir... Por non falar do atentado á propiedade privada que supón esa ordenanza e Pola que posiblemente acabará no xulgado o concello, e perdendo. Moita leria a base de trolas.

1 Alfonso

Por favor en que dis que minte ? Na masificación destas plantacións ? Na perda de biodiversidade ? Na degradación da paisaxe ? Nos efectos propagadores do lume dos eucaliptos ?