Cabalgando sobre o lombo dun animal salvaxe

Das múltiples feitos que se poden comentar das pasadas eleicións autonómicas catalanas hai un sobre o que son incapaz de deixar de pensar.

Por Emilio Martinez | Vigo | 10/12/2010

Comparte esta noticia

Non é sobre o cataclismo da esquerda, das diferentes esquerdas que competían polo apoio da cidadanía. Unhas e outras foron engulidas ben pola ineficaz xestión da crise económica do goberno central, ben polo guirigai continuo no que en boa medida ERC converte todo aquelo que toca. O refrán vello, que Montilla tiña que ten lembrado, leva razón: “Quen con nenos se deita, mexado se levanta”. Unhas e outras esquerdas deberían tiran algunha lección valiosa, pero é de temer que quen mais as necesite mais empeño poña en repetir os seus erros, non por outra cousa senón pola sinxela razón que aprender dos erros precisa dunha certa dose de madurez, defecto ou virtude da que hoxe nos políticos só atopamos en pequenas cantidades.

Ao meu modesto ver un feito que precisa unha fonda reflexión é o “éxito” electoral do PP. O Partido Popular acadou o seu mellor resultado nunhas eleccións catalanas no que respecta a número de escanos, 18, fronte aos 17 de 1995, e a súa segunda mellor marca en canto a porcentaxe de votos, un 12,33%, fronte a un 10,65% no ano 2006, unha cifra só superada en 1995 cun 13%.

En 2006 unha boa parte do rédito político da cruzada popular contra as supostas imposicións do catalán e a continua mantra de “España se rompe” foi colleitado por Ciutatans, opción política que demostra en 2010 que ten unha base electoral non moi ampla pero consolidada.

O PP sustentou a súa campaña electoral, desenvolta no último ano, en dúas liñas de acción política (aínda que nalgún caso mais ben inacción) e nunha táctica inmoral.

En primeiro lugar o descrédito do tripartito, consecuencia sobre todo dos seus propios actos, era amplamente compartido e cando menos era de agardar unha escasa mobilización das bases electorais, sobre todo o PSOE e de ERC.

En segundo lugar a profunda crise económica na que o Estado español sobrevive desde fai dous anos e na que só os crédulos son capaces de albiscar no horizonte algo que se asemelle a “brotes verdes”erosiona aínda mais o compromiso electoral da base social do PSOE, no goberno, e por contaxio do PSC, no goberno autonómico. Pola súa banda os socios do PSC, ICV-EUiA e ERC son incapaces de  presentar alternativas claras que motiven aos seus simpatizantes.

O PP só tivo que misturar estes dous ingredientes, axitalos e pasealos polas rúas e vilas de Catalunya. A fin de contas nas eleicións catalanas a súa vitoria, é dicer a derrota do PSOE-PSC, estaba asegurada dende facía moitos meses.

E si en 2006 o PP convirteu en punta de lanza da súa “proposta” política a loita contra as políticas favorecedoras do catalán en Catalunya en 2010 a arma política do PP foi a inmoral campaña racista e xenófoba sobre os inmigrantes. E podemos concluir que esta vez a táctica deparoulle algún beneficio. Badalona foi o caso mais sonado antes da campaña electoral. A zafiedade da mensaxe fire a calquera cun mínimo de sensibilidade democrática. O videoxogo no cal os emigrantes eran obxecto de “caza” roza, se é que non entra de cheo, a propaganda demagóxica de tanto e tantos grupos de extrema dereita que pululan por Europa adiante. Pero os datos son palmarios. En Badalona o PP subeu dende un 12,36% dos votos a un nada despreciabel 17,66%, nin mais nin menos que 5,3 puntos portencuais mais, saltou de 9.500 votos a case 14.800.

O PP ten demostrado que si ven é incapaz de aprender dos erros propios si ten unha capacidade sobresainte para explotar os “acertos” e os erros alleos. En Galicia xa o fixeron. E as ensinanzas que poden tirar de Catalunya non sería sorprendente que as aplicaran no resto do Estado.
A situación económica actual, coa taxa de desemprego nun 20% que non semella vaia baixar no curto prazo, unhas arcas públicas que difícilmente poderán soster certas medidas de axudas sociais (a supresión das axudas extraordinarias a parados/as xa foi anunciado), e altas taxas de poboación inmigrante en barrios que á vez concentran taxas de desemprego superiores á media e dificultades de integración de colectivos con culturas diferentes (cando non chocantes coa cultura autóctona) crean as condicións perfectas para o auxe da extrema dereita ou o apoio a aquelas formacións da dereita mais tradicional que asuman os postulados mais radicais.

Os líderes da esquerda catalana, ICV, comentaban nos fins da noite electoral, que respiraron tranquilos cando se verificou que a xenófoba Plataforma per Catalunya (PxC) non lograba superar o mínimo electoral do 3% para acadar representación no Parlament. Quedou ás portas.

A pescuda dos datos por circunscrición e comarcas píntanos unha fotografía electoral da extrema dereita que cando menos debería preocuparnos. Si ben PxC acadou no global catalán un 2,42% , 75.321 votos, en comarcas como Baixo Penedés ou Osona superou o 4,5%. En El Venddrell convirteuse na cuarta forza, cun 7,62%, en Calaf chegou ao 7,75%, en Vic, Roquetes ou Tortosa superou o 5 ou 6%. Nunha cidade da importancia de Hospitalet de Llobregat, onde PSC e a esquerda obtiveron no seu momento os mellores resultados a xenófoba PxC obtivo un nada despreciable 4%.

Vendo a estratexia do PP nestas eleccións, e quedando demostrado que en moitas vilas e moitos barrios de clase obreira as proclamas contra os inmigrantes encontran eco electoral, quen nos pode dicer que o PP non tente regañar eses votos?.

Nada do que en Catalunya acontece é novo. Unha lectura de calquera dos libros ou os moitos artigos que se teñen escrito sobre o Frente Nacional de Le Pen en Francia e o seu auxe nos 80-90 da pistas de por onde pode ir a evolución da extrema dereita no Estado español. Si esta é capaz de apartarse da nostalxia do franquismo, o que ten feito PxC, si atopa un líder que sexa algo mais que un histrión e se persisten as actuais condicións económicas, tal vez en pouco tempo sexan algo mais que un problema local e localizado.

E preocupante é que a esquerda aínda sexa incapaz de ter unha alternativa creible naqueles barrios que serán os graneiros electorais da estrema dereita.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.