A Xunta actualiza o servizo de tradución en liña Gaio

Incorpora vocabulario específico do ámbito xurídico e administrativo, e tradución inmediata, que se xera mentres o usuario introduce o texto.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/11/2017 | Actualizada ás 11:21

Comparte esta noticia

A Xunta vén de actualizar o servizo de tradución Gaio, que incorpora tres vocabularios personalizados diferentes: o xeral, o administrativo con nomenclatura das administracións galegas e nomes propios de lugares e persoas, e o xurídico con terminoloxía propia do campo xudicial e lexislativo. É unha das novidades da nova versión deste portal, que posibilita a tradución directa e inversa de textos e de webs en galego, castelán, portugués, inglés, francés e catalán.

Servizo de tradución Gaio.
Servizo de tradución Gaio.

A Amtega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística puxeron á disposición da cidadanía este servizo hai dous anos, nos que rexistrou máis de 2,6 millóns de visitas e traduciu 430 millóns de palabras.

NOVIDADES

Xunto coa incorporación de vocabulario específico, renovouse o deseño e mellorouse e simplificouse o funcionamento do tradutor, que agora permite introducir na mesma caixa tanto o texto como a url da web que se quere traducir.

A nova versión de Gaio está adaptada a todos os dispositivos móbiles, permite reverter nun só clic o sentido da tradución e copiar, tamén, nun só clic o texto traducido. Outra das novidades é a tradución inmediata, que se vai xerando mentres o usuario introduce o texto orixinal.

APLICACIÓN MÓBIL

Gaio tamén está dispoñible como aplicación móbil desde xullo de 2016 para dispositivos IOS e Android. A aplicación móbil Gaio conta cunha interface moi sinxela e intuitiva, permite a tradución de textos entre galego, castelán, inglés, portugués, francés e catalán. O usuario que descargue Gaio pode gardar as súas traducións favoritas, enviar suxestións para completar e mellorar os dicionarios de Gaio, configurar os idiomas por defecto e predeterminar se a aplicación debe ou non marcar as palabras descoñecidas. Está previsto que nas novas actualizacións a app incoporte as melloras da web.

Gaio é unha das 28 as apps dispoñibles no catálogo de servizos en mobilidade da Xunta de Galicia e que abranguen servizos para demandantes de emprego (Mobem); para o ámbito educativo (abalarMóbil); para a mocidade (Carné Xove); relacionadas coa meteoroloxía (Meteogalicia, MeteoRoute); coa pesca (Non piques-Non peques); co turismo (Enoturismo, Sendegal, Turismo de Galicia, Bono Iacobus, Camiño de Santiago); coa prevención da violencia de xénero (escAPP) ou coas TIC na empresa (aplicación do Centro Demostrador TIC, CDTIC), entre outras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta