Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2017 | Actualizada ás 14:24
O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou este luns á Xunta que "negocie" co Ministerio de Fomento para que asuma os investimentos realizados na AP-9 e, así, evite a suba de peaxes prevista a partir do mes de xaneiro.
Como detallou o dirixente socialista, a contía desas obras é "perfectamente asumible" polo departamento estatal, pois está ao redor dos 300 millóns de euros, e contribuiría a compensar a caída dos investimentos en Galicia.
Trátase, segundo as súas propias palabras, de garantir "unhas condicións razoables" para a circulación na área "máis dinámica" da sociedade e a economía galegas, freando un aumento da peaxe do un por cento por riba do IPC.
Así pois, Leiceaga avanzou unha iniciativa neste sentido, para instar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a establecer unha negociación con Fomento que evite a suba das peaxes "xa que non foi capaz de desbloquear o veto á transferencia" da AP-9.
"POSTUREO E COMPRACENCIA"
En paralelo, o portavoz socialista no Hórreo denunciou a "compracencia" de Feijóo fronte ás "sorpresas cada vez máis alarmantes" que Fomento reserva a Galicia.
E é que, segundo sinalou, o inicio dos trámites para incluír Galicia na rede europea de transporte de mercadorías por ferrocarril non poderán comezar até 2027. "É unha demora absolutamente inaceptable", advertiu sobre o que implicarán "dez anos de atraso" no "desenvolvemento económico" do país en relación con outras rexións.
Ao fío diso, ante a iniciativa conxunta de Galicia, Asturias e Castela e León, Leiceaga opinou que a postura da Xunta "é máis de postureo que de reivindicación real".
"Trátase de mostrar músculo en Galicia, pero non ten ningunha consecuencia. E esa combinación de postureo con compracencia é nefasta para os intereses de Galicia", apostilou Leiceaga, despois de censurar que Euskadi "xa obtivo o compromiso" de Mariano Rajoy de conectar os seus portos a esa rede "por un puñado de votos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.