En Marea ve “un abuso” a suba de peaxes na AP-9

Sinala a "incapacidade política de Feijóo" para negociar. Ademais, anuncia que levará a Bruxelas a inclusión de Galicia na rede europea de transporte de mercadorías por ferrocarril: "Hai que sacar unllas e dentes"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2017 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, opinou este luns que a subida das peaxes da AP-9 a partir de xaneiro é "un disparate" e "un abuso" que atribuíu á "incapacidade política" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares
O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares | Fonte: Europa Press

"É indignante que a súa incapacidade política lle impida negociar prezos que non sexan abusivos para os usuarios da AP-9", sentenciou o dirixente da formación rupturista, após subliñar que podería "influír" para fixar un tope no aumento das tarifas. Sobre todo, segundo as súas propias palabras, á vista de que a empresa está a repartir 45 millóns de euros en dividendos sobre unha facturación de 145 millóns de euros anuais.

"É un beneficio desorbitado á conta dos galegos", xulgou Villares, á vez que criticou que unha compañía que opera en réxime de monopolio poida incrementar "os custos fixos" da mobilidade tanto de persoas como de mercadorías.

Finalmente, o maxistrado en excedencia incidiu en que o aumento das peaxes nun 3,1 por cento a partir do ano próximo "non se xustifica en ningún caso", pois os salarios non se incrementan na mesma medida.

"NON PODEMOS ESPERAR"

Sen saír do ámbito das infraestruturas e da "debilidade política" de Feijóo, advertiu das "graves" consecuencias que terá para Galicia a súa exclusión da rede europea de transporte de mercadorías por estrada até 2027.

"Non podemos esperar", salientou, para avanzar que viaxará a Bruxelas para transmitir ao grupo da esquerda unitaria no Parlamento europeo a importancia desta conexión.

E é que, como recalcou Villares, é posible lograr que se reabran as negociacións sobre as zonas que deben ser incluídas "se hai vontade política".

Por iso, coa convicción de que non formar parte deste corredor é "gravemente lesivo" para Galicia, tratará de "suplir a incapacidade do presidente da Xunta" nun periplo que comeza o martes. "Hai que sacar unllas e dentes", finalizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Laura

Os galegos somos moi resignados, pagamos máis que os resto dos españois e cobramos menos.

1 xeada

sempre traballando contra os intereses galegos, iso é o pp e espanha