Non quero falar de Cataluña

Non. Non quero falar de Cataluña. A min Cataluña dóeme. Non quero falar porque a equidistancia non me gusta, cando dis que estás nela xa te estás situando. Aínda que nunca fun de poñer fronteiras senón mais ben de abrilas sempre defenderei o dereito a decidir dos pobos cando a súa sociedade o demanda, mais tamén defenderei, diante de todo, o diálogo para favorecer convivencias con garantías.

Por Andrés Núñez Rajoy | A Coruña | 28/11/2017

Comparte esta noticia
Os procesos teñen que ser claros garantindo os dereitos tanto para os dunha postura coma os da outra. Por iso non me gusta ver como lle chaman "facha" a Joan Manuel Serrat, ou a outra xente que dou (deron) claras mostras de antifascismo , neste caso non opina (n) coma min pero iso en si mesmo non é malo, é distinto.
 
Non quero falar porque cústame entender o empeño en derrotar ao independentismo pola vía xudicial, ou pola lexislativa. Os unionistas (traducide como queirades este eufemismo) sempre  están a falar do “vítimismo catalá”, como pensan que estarían eles se tiveran que estar petando á porta unha e outra vez? como pensan que teñen o ánimo logo de ver aos seus veciños na cadea por defender os seus ideais e o seu goberno intervido e preso?  Aquí o máis acaído é a famosa frase de Charles de Secondat, barón de Montesquieu  “Il n’y a point de plus cruelle tyrannie que celle que l’on exerce à l’ombre des lois et avec les couleurs de la justice” (Non hai peor tiranía que a que se exerce á sombra das leis e coas cores da xustiza)
Non quero falar porque asústame ver os faladoiros das televisións e radios, as colaboracións  periodísticas (interesadas) fomentando o holliganismo, mesmo nalgún caso o guerracivilismo, nelas os representantes das organizacións políticas móvense a base de argumentarios moi traballados para non sairse do guión. Non vexo, ou é que de verdade non as hai , agás escasas excepcións, posturas que se sitúen no terreo da procura de acordos. Estes debates-faladoiros o que fan é fortalecer o encaixamento de cada grupo debilitando a aqueles que poden servir de enlace ou tender pontes. A impresión que teño é que o que se potencia é o enfrontamento, os berros e a imposición das súas teses o que leva cara unha sociedade moi (e máis) tensada e enfrontada.
 
Non quero falar porque me amola a hipocrisía dos que se rin, entre eles moitos galegos e galegas, coa marcha das empresas fora de Cataluña cando en Galicia, e nas súas comunidades, están marchando centos delas tódolos anos, ou, onde é que teñen o domicilio fiscal Alcoa?, ENCE?, Citroën-PSA?, FENOSA (Unión)? e moitas máis, ou a paradoxa máis grande que é PharmaMar SA que presume de facer fármacos antitumorais de orixe mariña e ten a sede en Colmenar Viejo que polo que sabemos ten moito mar .
 
Non quero falar porque nestes tempos non deixo de lembrarme da LOAPA cando alá polo 1982, logo de Martín Villa ter falado da  “reconducción de las autonomías”,  nun pacto entre UCD e PSOE no que, entre outras disposicións, prevían que a transferencia de competencias se realizaría progresivamente según a capacidade de cada comunidade autónoma ata chegar a equipara unhas con outras. Grazas a que PNV e CiU como partidos e tamén ao Goberno Vasco e a Generalitat puxeron recurso de anti-constitucionalidade non foi adiante o que si houbo foi “café para todos” que se empeñou en repartir Felipe González coa súa cafeteira. Medo me mete  agora que todos estes que nunca creron no estado das autonomías, e nostálxicos doutros tempos,  comecen a facer proposicións de recorte (ou eliminación) das autonomías, recentralización de competencias xa transferidas, nomeadamente a educación para lograr contra o que eles chaman adoctrinamento para poñer o pensamento único. Lembremos as palabras de Casado, de Hernando, de Alberto Rivera, de Albiol..., ou tamén a negativa a falar galego de Mariano Rajoy cando era vicepresidente da Xunta.
 
Non quero falar porque medo me dá ver as ansias de vinganza nos "unionistas", non lles chega con gañar, non lles chega con ter as leis, feitas por eles, ao seu gusto, de interpretalas como mellor lles conveña, non lles chega con anular gobernos, non, o que se lles ve unha gana inmensa de humillar, de vexar. Non se ven ganas de tender pontes, de buscar entendementos. 
 
Non quero falar porque a min Cataluña dóeme. Teño dous fillos vivindo alí, foron  buscando o que en Galicia non tiñan, traballo. Levan máis tempo alá do que viviron na terra que os veu nacer. Casaron alá. Aportáronme duas noras catalás. Teño unha neta catalá e outra/outro en camiño. Gozo da amistade de cataláns con “seny” e sen “seny”, de “charnegos” e “charnegas” (alcumados así por eles mesmos), de “pagesos” e “pagesas”, de “pubillas”e  “hereus”, de independentistas e de españolistas (no me gusta usar e ese novo termo “unionista” que non deixa de ser un eufemismo para aqueles que lles da vergoña dicir o que son). Ata o de agora non houbo problemas na súa "colla" (cuadrilla) pero comeza a habelos. Aquí chegouse á mesma situación que describe Macbeth (no acto III) cando di:" I have walked so far into this river of blood that even if I stopped now, it would be as hard to go back to being good as it is to keep killing people." Que poderíamos traducir libremente por "camiñei, parei e faise tan dificil ir cara diante como volver para atrás". Por todo isto é polo que eu lles digo aos meus fillos que, aínda que alá, pratiquen unha cousa moi daquí e da que  presumía a súa bisavóa Pepa a Chicha, esa cousa tan galega como é o sentidiño.
 
Chego ao final e vexo que convertín o escrito nun oximorón, éche o que hai.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Últimas de Andrés Núñez Rajoy
Andrés Núñez Rajoy Enxeñeiro Técnico Agrícola. Leva na profesión case corenta anos. Traballou na Cooperativa Agraria Provincial da Coruña como xefe do Departamento do Hortofloricultura. Foi Axente de Extensión Agraria na oficina de Carballo. Estivo adicado a investigación e experimentación en horticultura tendo máis de 20 publicacións en revistas especializadas. Foi coautor do primeiro libro de horticultura en galego. Foi Xefe do Servizo de Produción Agraria Sustentable e Sanidade Vexetal na Consellería do Medio Rural. Foi membro do Comité Fitosanitario Nacional, Comisión Nacional de Avaliación de Fitosanitarios e Comisión Nacional de Bioseguridade . Na Unión Europea formou parte do Committee on the Food Chain and Animal Health. Na actualidade traballa no Servizo de Infraestruturas Agraria en Pontevedra. É o responsable da Secretaría de Finanzas, Patrimonio e Internacional da Comisión Executiva Nacional de Compromiso por Galicia