Comparte esta noticia

Esquerda Unida (EU) súmase ás críticas e oposición ao proxecto mineiro de Touro, que suscitou unha marea de queixas e denuncias entre veciños, partidos políticos, plataformas ecoloxistas e agrupacións científicas. Os membros da Coordinadora Comarcal de EU en Compostela, Fran Prieto e Vicente Vázquez, mantiveron unha xuntanza con representantes da plataforma veciñal Mina Touro-O Pino NON que, sobre o terreo, mostraron a realidade do proxecto. Durante este encontro falouse sobre a "falta de información e transparencia" sobre a reactivación da mina de cobre. 

Mina en Touro.
Mina en Touro.

"Co beneplácito e/ou colaboración da Xunta e concellos afectados, son moitas as dificultades que a veciñanza ten para coñecer, e poder avaliar debidamente o impacto real deste novo proxecto mineiro. Non se trata de que delegados da empresa publiciten/vendan esta iniciativa, a cidadanía, que ten que ver garantido o seu dereito a saber o que realmente vai acontecer na nosa comarca, agora e no futuro", alertan desde EI.

A "maior preocupación" entre os veciños, din, "é o que poida acontecer coa auga", xa que "é evidente que coa actividade extractiva a ceo aberto un dos maiores risco é a posible contaminación dos acuíferos, que non afectarían só á gandeira e á agricultura, senón que o propio mar sufriría posibles consecuencias", explican.

Os representantes de EU tamén sinalan as "posibles neglixencias", recordando o caso da mina de Riotinto en Huelva —"tristemente coñecida polas verteduras tóxicas das súas balsas", lembran—, xestionada por Atalaya Mining, a mesma empresa que quere agora poñer en marcha unha megamina de cobre a ceo aberto nos municipios de Touro e O Pino.

Desde EU tamén recordan que o conglomerado empresarial arredor do proxecto da mina de Touro "dispón dun entramado societario que dificulta a atribución de responsabilidades en casos de accidentes, contaminación e/ou destrución medioambiental".

Outra das preocupacións dos representantes de EU é a "segura destrución, nesa zona e limítrofes, da actividade gandeira e agrícola", xa que "a magnitude do proxecto mineiro que se quere levar a cabo arrasaría cunha enorme extensión de terreo, agora verde e produtivo".

Respecto á actividade económica, consideran que "son moitas as cuestións que sobre temas económicos se podería expoñer para desacreditar esta panacea, que non só dende a empresa se está a vender".

"Obviando que non hai nin media garantía que acredite 400 postos de traballo [como di a empresa], é evidente que se debería contabilizar tamén os postos de traballo que se perderían", comentan os representantes de EU.

Por último, denuncian que "non se pode, dende as distintas Administracións Públicas, converternos a todas/os nós en reféns de intereses empresariais espurios, hipotecando a nosa terra a que o prezo do cobre, neste caso, sexa o suficientemente lucrativo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ben por IU