(AM) O detido por un lume nos Blancos abona unha fianza de 2.500 euros e sairá de prisión este martes

A Audiencia de Ourense non observa nada que "faga temer" reiteración e o investigado deberá comparecer no xulgado cada 15 días

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2017 | Actualizada ás 13:43 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Miguel Ángel M.N., detido por un incendio dunha hectárea producido o 15 de outubro por unha imprudencia nunha leira familiar dos Blancos (Ourense), abonou na mañá deste martes unha fianza de 2.500 euros e sairá de prisión ao longo do día, segundo informan a Europa Press fontes xurídicas.

A Audiencia Provincial de Ourense emitiu un auto após un recurso presentado pola defensa de Miguel, despois de que o xulgado de Xinzo que leva o seu caso decretase prisión cautelar sen fianza, no que fixa o depósito desta cantidade para poder saír de prisión ao non apreciar risco de reiteración de delito nin de fuga, mentres que tampouco observa prexuízo para o avance da investigación, sinalan as mesmas fontes.

Deste xeito, Miguel cumpre máis de 40 días no cárcere após ser detido en Vigo ás 8,30 horas do 18 de outubro por un lume dunha hectárea nunha leira familiar dos Blancos, no marco dunha vaga de incendios da fin de semana do 14 e 15 de outubro que arrasou con 49.000 hectáreas.

Este veciño de Vigo de 55 anos pasou a disposición xudicial o 19 de outubro e desde entón atópase na prisión ourensá de Pereiro de Aguiar. No día da súa comparecencia dixo aos xornalistas que estaba na leira asando uns "chourizos".

Foi un dos fundadores do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) e recibiu o apoio de máis dunha vintena de asociacións ecoloxistas galegas nas últimas semanas, xa que o ven como un "chibo expiatorio" da vaga de lumes, á vez que resaltan a súa traxectoria de compromiso social e ambiental.

NON HAI ELEMENTOS QUE "FAGAN TEMER" REITERACIÓN

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense decreta liberdade baixo fianza de 2.500 euros porque non observa "elementos que fagan temer" que poida haber unha reiteración delituosa.

No tocante a risco de fuga, a Sala sostén que, con base na documentación achegada, o investigado "acredita unha situación de arraigamento", con "domicilio, familia e traballo na cidade de Vigo" polo que esta posibilidade "diminúe".

Así mesmo, subliña que, "coa prestación de declaración de prexudicados e testemuñas, diminúe as posibilidades de incidir nas fontes de proba, ao verificarse xa a parte substancial da instrución".

Precisamente, a Fiscalía de Galicia apuntaba nunha instrución de 2016 que a prisión provisional de incendiarios "é en ocasións máis propicia" para "solicitar testemuños a propósito de que o imputado non está en liberdade" e que "ocorrido o feito a sensibilidade cidadá é máis acentuada".

A defensa achegou no seu recurso un informe pericial sobre a carencia de risco de extensión a núcleo habitado para cuestionar a cualificación dos feitos acerca da existencia de dolo eventual.

Sobre este extremo, no auto, a Sala non entra a valorar se houbo erro na cualificación dos feitos, tal e como pedía o recurso da defensa, xa que "se carecen de elementos de convicción" e "non é o momento temporal adecuado para verificalo", dado que "a fase inicial do procedemento non achega claridade nos mesmos para alcanzar unha conclusión nun ou outro sentido".

Finalmente, a Audiencia de Ourense establece a obrigación de comparecer cada 15 días no xulgado. Contra esta resolución non cabe interpor recurso.

DECISIÓN DO XULGADO DE XINZO REVOGADA

O xulgado número 1 de Xinzo baseouse no seu auto de 19 de outubro para fixar a prisión sen fianza en que o investigado "iniciou un lume incontrolado nunha leira propiedade da súa esposa sen adoptar ningunha medida necesaria de precaución, non tratando de apagar o lume en ningún momento, posto que non avisou a ningún medio de extinción, mostrando un total desinterese".

No seu momento o xulgado de Xinzo (ao que agora a Audiencia Provincial revoga a súa decisión) argumentaba que o lume se atopaba nas "proximidades" dunha granxa de pitos e unha poboación habitada, co home "tratando en todo momento de esconderse" e sen autorización para facer queimas ao estar prohibidas.

A isto agregaba o "estado de nerviosismo no que se atopaba o investigado" e "a súa conduta posterior de ocultación e falta de colaboración cos axentes da autoridade".

Con todo, nun comunicado emitido por colectivos ecoloxistas en apoio a Miguel logo da súa detención, aseguraban que este home axudou na extinción do lume e, posteriormente, foi ao cuartel da Garda Civil do municipio ourensán "para dicir o que pasou", onde deixou os seus datos persoais e a súa residencia en Vigo.

Posteriormente, foi citado pola Garda Civil en Vigo, segundo relatan, onde acudiu "voluntariamente". "Até aí o comportamento dun cidadán exemplar", pois "en todo momento colaborou para evitar consecuencias maiores e aclarar os sucesos", defenden colectivos ecoloxistas como Adega e MEL.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta