Temas: EDUCACIóN

O 60,5% dos ingresos da educación privada non universitaria en Galicia procede de cartos públicos

Estas aportacións da Administración Pública galega aos centros privados supera a media estatal, que é do 54,2%. As subvencións por alumno concertado alcanzan os 2.719 euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2017 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

A Administración Pública achega o 60,5% dos ingresos correntes na educación privada non universitaria de Galicia no curso 2014-2015, máis que a media estatal, situada no 54,2%, de acordo cos datos que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Alumnos en clase
Alumnos en clase | Fonte: Europa Press

En concreto, segundo a enquisa de financiamento e gastos do ensino privado, dos 401,5 millóns de euros que tiña como ingresos correntes a educación privada non universitaria galega ese curso, 242,93 correspondían a subvencións públicas, 148,58 ao que achegan os alumnos, 4,66 a outros ingresos privados e 5,33 a transferencias correntes privadas de particulares e empresas.

O 60,5% é a porcentaxe de subvencións públicas que recibiu a educación privada non universitaria en Galicia respecto ao total de ingresos correntes. Mentres, as cotas de alumnos supuxeron o 37% respecto ao total de ingresos correntes, e o restante 2,5% viñeron doutros ingresos correntes privados.

Fronte a eses ingresos correntes de 401,5 millóns, a educación privada non universitaria de Galicia tivo ese curso case 393,96 millóns de gastos correntes e un resultado de explotación de 7,54 millóns.

Mentres, as subvencións públicas por alumno concertado supuxeron 2.719 euros na comunidade galega durante o mesmo curso 2014-2015, por baixo da media (2.869 euros por alumno).

O ensino privado non universitaria comprende centros concertados (posúen polo menos unha aula concertada) e non concertados (non posúen ningunha aula concertada).

As maiores porcentaxes de achega pública respecto ao total de ingresos correntes rexistráronse nas cidades autónomas de Ceuta (un 93,6%) e Melilla (un 80,1%). Pola contra, os niveis máis baixos déronse na Comunidade de Madrid (38,1%) e Canarias (39,1%).

As comunidades con maiores porcentaxes de cotas de alumnos respecto ao total de ingresos correntes foron Comunidade de Madrid (o 58,6% dos ingresos correntes, 2.715 euros por alumno), Canarias (o 56,8%, 2.122 euros) e Cataluña (o 48,6%, 2.475 euros).

Pola contra, presentaron menores proporcións de cotas abonadas polos fogares Estremadura (o 17,3% dos ingresos, 490 euros por alumno) e as cidades autónomas de Melilla (o 13,7%, 380 euros) e Ceuta (o 6,1%, 172 euros).

Temas: EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 5Hur

243 millóns de euros¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡ máis dun 3% do presuposto anual da Xunta vai para centros privados de educación, pero o problema sempre será o todopoderoso lobby da lingua.

1 Euridice nas Tebras

Galicia vota maioritariamente ao PP, así que imaxino que a maioría estará contenta con esta medida. En canto á esquerda... Buff... mellor deixámolo. E evidente que a esquerda galega nacionalista non ten vontade algunha de ir máis aló do minifundismo e o "laionismo"... Con respecto á outra esquerda, non opino, porque descoñezo cales serían os seus votos reais sen o paraugas de Beiras... E con respecto ao PSdG??? Existe aínda, ou é unha sucursal de provincias do PSOE... Gozade do votado e que sexa por anos e séculos.