Feijóo non sabe do que se fala na UE, cando menos, en tema de incendios

O presidente galego di descoñecer o plan rescUe de Emerxencias e tamén as declaracións realizadas polo comisario da UE sobre os lumes en Galicia e Portugal.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 01/12/2017 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

"É fundamental a prevención e a preparación para facer fronte a castástrofes, como a dos lumes", dicía este luns Christos Styliniades, Comisario Europeo de Axuda Humanitaria e Xestión de Crises, ao referirse aos grandes incendios de Portugal e España --a maior parte deles en Galicia--. Unhas declaracións que realizaba ante un grupo de 30 xornalistas de Galicia e de Portugal convidados polo Eixo Atlántico e que foron reproducidos por varios medios dos dous países, entre eles GC.

Alberto Núñez Feijóo tras el Consello de la Xunta
Alberto Núñez Feijóo tras el Consello de la Xunta

Pero semella que ao presidente da Xunta, ou non lle informan, ou só lé xornais de cabeceira. “Non vin e non coñezo esas declaracións”, limitouse a responder cando este medio lle preguntou pola palabras do comisario e tamén pola súa opinión sobre o novo plan de emerxencias da UE, rescUE, para ser activado nos estados membros en caso de ser requerido e que foi anunciado polo presidente europeo, Jean Claude Juncker.

“Eu o único que estou de acordo é co que dixo o presidente Juncker de modificar o fondo de catástrofes”, limitouse a contestar Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta nun tema de tanta importancia como é o dos incendios, especialmente, logo da terrible vaga de lumes do pasado outubro no que faleceron catro persoas e se queimaron 50.000 hectáreas.

O RESCUE

O rescUE, tal e como suliñou Styliniades, e tamén o propio Juncker, prevé unha reserva de equipos de resposta de protección civil cuxa misión será axudar aos Estados membros a facer fronte ás catástrofes cando as capacidades nacionais se vexan desbordadas.

O comisario europeo de Emerxencias Christos Stylianides nunha rolda de prensa con medios galegos e portugueses
O comisario europeo de Emerxencias Christos Stylianides nunha rolda de prensa con medios galegos e portugueses

rescEU incluirá activos, como aeronaves de loita contra incendios e bombas de auga, que complementarán ás capacidades nacionais. Todos os custos e capacidades de rescEU estarán cubertos na súa totalidade polo financiamento da UE, e a Comisión terá o control operativo destes activos e decidirá sobre o seu despregamento. O comisario chipiotra comentoulle aos medios lusos e galegos que agarda ter activo unha primeira fase deste plan o vindeiro ano cun custe de 280 millóns de euros.

POLÍTICAS DE PREVENCIÓN

Sobre as políticas de prevención da Xunta, Feijóo dixo que xa son coñecidas desde 2009 e “todos as poden coñecer ano tras ano”. “Aí están os datos dos seus resultados aínda que non teño problema en sometelos a consideración”, dixo.

Con todo, lembrou que Galicia posúe o 45% da masa forestal do Estado e que, por iso, sofre máis lumes que o resto de España. Con todo, recoñeceu que todas as políticas sempre se poden mellorar, incluídas as súas, “e por iso anuncie un paquete de 30 novas medidas para ser postas en marcha nos vindeiros meses”, dixo en relación as propostas anunciadas na Cámara.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta