Un fiscal especializado contra a violencia machista

Galicia rexistra un aumento do 18% nas denuncias por violencia machista nos nove primeiros meses deste ano, mentres que as ordes de protección solicitadas medraron un 14%.

Por E.P. | Compostela | 01/12/2017 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, avanzou que se prevé que "a principios" de 2018 estea nomeado un fiscal delegado autonómico que se encargará de coordinar a loita contra a violencia machista no país. Tras facer entrega da memoria de 2016 da Fiscalía ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, Suanzes sinalou que ese fiscal delegado traballará "en perfecta coordinación" coa unidade especializada de violencia sobre a muller da Fiscalía Xeral do Estado.

O fiscal superior e o presidente do Parlamento este venres
O fiscal superior e o presidente do Parlamento este venres | Fonte: Europa Press

A medida chega despois de que nos nove primeiros meses de 2017, Galicia rexistrase un aumento das denuncias por violencia machista dun 18,4% até as 5.000, mentres que as ordes de protección solicitadas subiron un 14,4%.

Xa en 2016 incoáronse 6.805 procedementos nos tribunais por violencia de xénero (+10%), mentres houbo unha alza do 9% nas denuncias (foron 5.683) e dun 8% nas ordes de protección (un total de 1.700). Así mesmo, aumentaron un 7,6% os delitos contra a liberdade sexual e alcanzaron os 932 incoados.

Ao respecto diso, o fiscal superior ve "unha parte positiva" porque identifica "unha maior predisposición a denunciar esta secuela social". Ademais, cre que "hai que continuar a loita" a través da educación.

DESCENSO DOS ASASINATOS

Fernando Suanzes apuntou "na parte positiva" que "descenderon o número de asasinatos de mulleres por violencia de xénero": de oito casos no 2015 pásase a tres en 2016 e dous en 2017. "En calquera caso, as cifras son inasumibles", deixa claro.

Preguntado precisamente sobre se cuantificar só dúas mortes por violencia machista en Galicia este ano significa que se exclúe o caso de Redondela (unha explosión nunha vivenda na que faleceu unha muller e a súa ex-parella), Suanzes explica que "hai aínda que estudalo con detemento", por iso contabilízanse "de momento dous".

CAÍDA DO 31% EN PROCEDEMENTOS

En total, en Galicia houbo 126.447 procedementos incoados no 2016, o que supón que ingresaron 56.000 menos que no 2015 (-31%).

Un cambio que Suanzes explica polas modificacións na Lei de enxuizamento e do Código Penal de 2015, que provocan unha maior axilidade na Xustiza, pois se suprimiu a remisión aos xulgados e fiscalías de casos sen autores coñecidos -que quedan arquivados en dependencias policiais-.

Aquí é reseñable o descenso dun 43% das cifras de finalización anticipada por arquivo ou sobresemento, que pasaron de 154.000 a 67.000 precisamente por estes motivos. Unha liberación de recursos que deu lugar, en cambio, a un incremento do 28% nas sentenzas en 2016 (foron 20.115).

"CAMBIO DE TENDENCIA" NOS DELITOS

No tocante aos datos de 2016, o fiscal superior detecta un "cambio de tendencia na dinámica de delitos" nos asuntos incoados, pois, por primeira vez en Galicia, "o primeiro grupo delictuoso pasa a ser o de lesións", ao redor dun 40% do total, con 44.338 abertos.

Séguenlle os relativos a patrimonio e orde socioeconómica, foron 21.822 (20%) e contra a seguridade viaria, con 7.154 delitos incoados (7%), dos cales máis do 60% son por condución baixo influencia de alcol ou drogas.

Isto explícase por unha baixada do 70% en 2016 dos delitos de patrimonio e socioeconómicos incoados, o que evidencia que este grupo acumulaba a maior parte dos sobresementos por falta de autor descoñecido.

Respecto das sentenzas, o primeiro grupo segue sendo os delitos contra a seguridade viaria, seguidos polos de patrimonio e lesións.

Entre os delitos que aumentan atópase os casos de tráficos de drogas (+16,7%) e os de seguridade viaria (+2%), mentres que entre os que diminúen están os de medio ambiente (-38%) e os homicidios ou asasinatos consumados que pasan de 19 en 2015 a 13 en 2016.

OS CASOS DE CORRUPCIÓN

Nos casos de corrupción hai un descenso en incoacións do 1% en 2016, cunha baixada até 191 delitos, aínda que aumentan os cualificados até 38 (+100%). Tamén descenden as sentenzas (-13,6%).

Así mesmo, reflexiona Suanzes sobre que os xuízos e sentenzas "son unha imaxe de hai tempo", polo que "parece que se está aumentando moi pouco en materia de corrupción" por descenso de incoacións, aínda que soben as cualificacións.

Os delitos cualificados aquí máis numerosos foron: prevaricación administrativa (36,8%), malversación (26,3%) e branqueo de capitais (17,8%).

AUMENTO DE PROTECCIÓN DE MENORES

No tocante á área de menores, houbo 3.265 procedementos incoados en 2016 (-5,2%). Os menores intervidos ou en xuízo foron 575 (-15%).

Os grupos delictuosos principais foron patrimoniais e de lesións, mentres os de violencia familiar rebáixanse un 16% fronte a 2015. Houbo medidas impostas a 808 menores (+21,7%) como liberdade vixiada ou internamento semiabierto.

Neste campo obsérvase un aumento do 16,2% nos expedientes de protección a menores, que alcanzan os 2.184. O 60,4% dos casos son de situación de risco, o 14,3% de tutela de custodia automática e o 9,2% de expedientes de garda.

MENOS PERSOAS EN PRISIÓN

En Galicia había ao peche de 2016 un total de 3.429 persoas en prisión (3.226 homes e 203 mulleres), o que supón un 1,6% menos que en 2015. Trátase do 5,8% de España.

Os procedementos xudiciais de vixilancia penal con entrada na Fiscalía retroceden un 10% a 11.813 con materias como permisos ou traballos en beneficio da comunidade.

COMPOSICIÓN DA FISCALÍA

Na actualidade, o Ministerio Fiscal de Galicia conta con 146 fiscais e 124 funcionarios de apoio. Ademais, operan 18 avogados fiscais substitutos.

O organigrama está integrado por unha fiscalía autonómica e catro provinciais. Dentro destas últimas existen tres de área (Santiago, Vigo e Ferrol), así como catro seccións territoriais (Monforte, Mondoñedo, Verín e Cambados).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta