GC Aberto

Si, vostede tamén continuará a pagar a crise!

A interpretación das cifras de PIB en Galicia amosa que a realidade dos galegos non se ve reflectida na evolución deste dato

Por diegosandeveiga | GC ABERTO | 04/12/2017

Comparte esta noticia

Por fin as cifras de PIB volven ser  aproximadas ás que tiñamos alá polo ano 2008. É iso unha mala nova? Tomada de forma illada non, pero sic transit gloria mundi (a gloria dura moi pouco) se afondamos noutras informacións económicas. Vexamos algúns datos da evolución do IPC e dos ingresos medios durante o período de crise, que son claramente reveladores da situación económica media dos galegos.

Gráfico do comportamento do IPC e dos ingresos medios en Galicia en período de crise
Gráfico do comportamento do IPC e dos ingresos medios en Galicia en período de crise

Nun contexto de descenso demográfico e diminución da poboación ocupada no período, o PIB está case ao mesmo nivel que en 2008 e, aínda que os ingresos dos cidadáns comecen e recuperar valores pretéritos, estes sufriron unha importante caída. Se ademais o IPC sube, a consecuencia é un crecente empeoramento do poder adquisitivo e do nivel de vida da poboación traballadora. 

Con certeza o agudo lector foi quen de percibir ao longo destes anos que se produciu un diferencial de reparto da renda producida entre o momento inicial da crise e a actualidade. É dicir, que o aumento da produción ata acadar na actualidade o valor que había en 2008 non se trasladou nun incremento dos salarios proporcional. Engádese a esta circunstancia que, ademais, o número actual de traballadores ocupados que son artífices dese incremento da produción é menor que a inicio do período. Isto significa, a todas luces, que se produciu un incremento da desigualdade na distribución da riqueza, aumentando a vulnerabilidade dos traballadores en xeral, e especialmente dos máis febles, e comprometendo así o desenvolvemento económico futuro (Picketti, 2013). Ademais da perda de poder adquisitivo, esta foi acompañada dunha precarización das relacións laborais, de maneira que aumentou a temporalidade dos contratos e, polo tanto, a inseguridade dos traballadores.

Noutro plano, e apuntando á liña de flotación do papel do Estado, o número de externalizacións multiplicouse nos últimos anos, de maneira que os espazos públicos, que tratan de garantir o dereito de todos, están sendo progresivamente ocupados por grandes empresas do sector privado, que se rexen por criterios de maximización dos lucros. Ademais, parte dos sucesos económicos da crise non foron compensados de maneira suficiente polos mecanismos sociais postos a disposición dos cidadáns, de maneira moitos sufriron as consecuencias de crebas de empresas, despedimentos, desafiuzamentos, preferentes, peches de servizos sanitarios e de educación etc. En adición, o noso futuro económico vese comprometido polos escasos recursos públicos destinados á I+D+i (Sande, 2016) . Mentres todo isto acontece, o Banco de Alimentos informa de que son 5 os millóns de cidadáns que precisará atender no conxunto do Estado no próximo ano. Véxase no gráfico a evolución do IPC e dos Ingresos medios en Galicia.

Estas cuestións, que producen inmenso sufrimento aos traballadores, non só non aparecen reflectidas nesas cifras de PIB que nos sitúan fóra da crise, senón que tamén detraeron -en numerosos casos- recursos dispoñibles das familias en forma de aumento dos gastos. Vostede, eu e todos os demais traballadores e desempregados, arrastraremos durante os próximos anos -por se non fose suficiente a década que xa levamos- as consecuencias da perda dunha calidade de vida e dun poder adquisitivo que custou moito conseguir ás xeracións pretéritas.

A suba do IPC afecta aos prezos da compra
A suba do IPC afecta aos prezos da compra

 

Bibliografía

Piketty, T. (2013). El capital en el siglo XXI. Seuil e Harvard University Press: Paris

Sande, D. (2016). A precaria situación do investimento público en I+D+i en Galicia [en liña]. Obtido de Praza Pública en www.praza.gal [ref. de 7 de outubro de 2016]. Dispoñible en: http://praza.gal/opinion/3609/a-precaria-situacion-do-investimento-publico-en-idi-en-galicia/

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 diegosandeveiga

Boa tarde, na documentación enviada adxuntei arquivo co gráfico do IPC e Ingresos medios dos galegos