O Dépor complícase a vida

Os coruñeses perden 2-0 en Sevilla e mantéñense con tan só 12 puntos, ao bordo dos postos de descenso.

Por Galicia Confidencial | Sevilla | 03/12/2017 | Actualizada ás 11:10

Comparte esta noticia

Nova derrota do Deportivo, oitava na Liga, que complica a vida aos coruñeses, cuartos pola cola. Non foi un mal partido dos herculinos no Ramón Sánchez Pizjuán, onde lle plantaron cara ao Sevilla até o primeiro gol, na última xogada da primeira parte.

Derrota do Dépor en Sevilla
Derrota do Dépor en Sevilla | Fonte: La Liga.

Cristóbal Parralo, adestrador branquiazul, realizou dous cambios con respecto ao equipo que empatou o pasado domingo fronte ao Athletic de Bilbao. Raúl Albentosa, que non entrou na convocatoria, deixou o seu sitio ao recuperado Sidnei, mentres Pedro Mosquera fixo o propio con Guilherme, dispoñible após cumprir sanción por acumulación de amoestacións.

Foi unha primeira parte intensa, cun primeiro ataque polo Dépor de Fabian Schär, que reclamou penalti por agarrón de Mercado cando se dispuña a rematar unha falta lateral lanzada por Lucas Pérez. Sidnei si rematou co seu pé esquerdo, en posición franca, pero fíxoo moi desviado. Antes de cumprirse o minuto 4, o Sevilla acariñou o primeiro gol nunha chegada desde atrás de Franco Vázquez, que rematou alto un centro raso de Pablo Sarabia.

Superado o cuarto de hora, Adrián tentouno cun disparo desde a frontal da área que se desviou por pouco. Acto seguido, ninguén chegou a rematar un pase perigoso de Lucas. Até entón, o Dépor tivo máis o balón e tamén maior profundidade que o Sevilla.

No minuto 20 respondeu o Sevilla, dirixido por Ernesto Marcucci, axudante do convalecente Eduardo Berizzo. Rubén evitou o tanto local, ao sacar cos pés un man a man con Escudero, que recibira unha deixada coa cabeza de Nolito.

Ao fío da media hora, Fede Cartabia xerou unha acción de perigo, ao desbordar polo centro do ataque e abrir para Lucas. O centro do dianteiro coruñés despexouno en curto a defensa sevillista e o propio Cartabia non puido chegar por pouco para remachar o balón solto ao bordo da área pequena.

A resposta andaluza non se fixo esperar. Dous minutos despois, Nolito soltou un trallazo desde o bordo da área que despexou Rubén, perfectamente colocado. Igualmente de ben situado estaba David Soria no minuto 35, cando Adrián se atopou outro balón solto á entrada na área. O asturiano soltou un derechazo excesivamente centrado e frouxo, que aínda así lle custou blocar ao porteiro local.

Na última xogada da primeira parte, o Sevilla adiantouse no marcador. Pasaban só 3 segundos do minuto 45 cando Nolito filtrou o coiro na área branquiazul, onde o recolleu Wissam Ben Yedder, que á media volta venceu a resistencia de Rubén. Nada máis o balón chegou ao fondo das redes, o colexiado sinalou o camiño dos vestiarios.

Aos cinco minutos da segunda metade, o Dépor gozou dunha dobre ocasión, após unha cabalgada de Adrián. Primeiro, Lucas, escorado, buscou sorprender polo primeiro pau a David Soria. O rexeite do porteiro sevillista co pé foi a parar á bota dereita de Adrián, que tentou buscar o poste contrario cun lanzamento con máis colocación que forza. Co gardameta batido, Escudero despexou o esférico practicamente baixo paus.

Nolito tivo unha clara oportunidade no minuto 56, nunha estrondosa volea no segundo pau ante a que respondeu fenomenalmente Rubén. O porteiro coruñés desviou o esférico a córner nunha estirada espectacular.

Superada a hora de xogo, Cristóbal Parralo introduciu a Florin Andone por Celso Borges. O Dépor xuntaba no terreo de xogo a dous dianteiros centros e dous extremos.

Con todo, o caudal ofensivo dos herculinos reduciuse e a un cuarto de hora para a conclusión, o Sevilla asinou a sentenza. Un duro disparo por baixo de Michael Krohn-Dehli desde a frontal da área sorprendeu a Rubén, que non puido rexeitar o coiro. Corría o minuto 78.

A pesar de que a entrada de Emre Çolak propiciou un maior control da posesión por parte dos branquiazuis, non atoparon o camiño do gol.

Xa no tempo de prolongación, o Sevilla gozou de dúas claras ocasións para redondear o marcador, nun disparo de Sarabia que desviou Rubén e no córner subseguinte ao quedar o balón sen dono na área pequena.

Con esta nova derrota, o conxunto branquiazul continúa con 12 puntos despois de 14 xornadas, ao bordo dos postos de descenso.

FICHA TÉCNICA

Sevilla FC: David Soria, Mercado, Geis, Lenglet, Escudero, Banega (Jesús Navas, min. 85), Pizarro, Franco Vázquez (Krohn-Dehli, min. 69), Nolito (Joaquín Correa, min. 87), Ben Yedder e Sarabia.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Sidnei, Schär, Fernando Navarro, Guilherme, Borges (Andone, min. 63), Fede Valverde, Fede Cartabia (Carles Gil, min. 77), Adrián (Emre Çolak, min. 82) e Lucas.

Goles: 1-0 Ben Yedder (min. 45); 2-0 Krohn-Dehli (min. 78).

Árbitro: Sánchez Martínez (c. murciano). Cartón amarelo a Fede Cartabia (min. 31), Escudero (min. 38), Sidnei (min. 73) e Lucas (min. 86).

Incidencias: partido da 14ª xornada de LaLiga disputado no Estadio Ramón Sánchez Pizjuán ante 32.017 espectadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta