As protestas contra a privatización da sanidade chegan ao mundo do fútbol

O Viveiro C.F solidarízase con entidades e veciños do seu concello para reclamar que melloras na asistencia hospitalaria da comarca e non se suprima a área sanitaria da Mariña.

Por Galicia Confidencial | Viveiro | 04/12/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

SOMOS UNHA ÁREA-VIVEIRO, entidade que loita contra as privatizacións e mala situación da sanidade pública na comarca, foi a protagonista este domingo no estadio de Cantarrana no partido entre o Viveiro C.F e o San Tirso S.D.

Protesta no campo do Viveiro contra a privatización da sanidade pública
Protesta no campo do Viveiro contra a privatización da sanidade pública | Fonte: SOMOS UNHA ÁREA-VIVEIRO

“Dende o mundo do fútbol, este domingo, quixemos visibilizar e manifestar -sendo protagonistas os xogadores- que a nosa Comarca non quere un cambio de modelo do mapa sanitario encamiñado a centralizar as prestacións  en Lugo”, apuntan desde esta entidade.

Así, denuncian que a calidade dos servizos sanitarios “foise deteriorando” e que hai falta de persoal médico, de enfermería, administrativo ou material básico de saúde. “Cando falta un pediatra non se cobre a súa ausencia, quedando un só profesional para atender ás nenas e nenos de Viveiro, Ourol e O Vicedo”, denuncian.

Ao mesmo tempo, tamén denuncian que cando falta un médico de familia ou unha enfermeira tampouco se cobre a súa ausencia. “Isto dá lugar a unha peor calidade asistencial e longas listas de espera para ir a consulta, a por receitas, ou a facer unha analítica”, sinalan. “Seguimos e seguiremos a esixir a retirada do Proxecto de Reforma da Lei Galega de Saúde, que non se supriman as áreas sanitarias e que a da Mariña sexa unha área sanitaria integrada propia como a comarca de Ferrol”, apuntan.

Ademais, esta entidade reclama a mellora na atención primaria e dotación de recursos económicos e humanos para mellorar a calidade asistencial no Hospital da Costa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 luis ferrolan do pisco

As protestas também na rua......pero...xa.