Por Galicia Confidencial | Salceda de Caselas | 05/12/2017 | Actualizada ás 09:35
As especies autóctonas dan traballo e recursos económicos na área de Vigo. Así o puxo de manifesto Rubén Blanco, da asociación Matogueira, nas I Xornadas Galego-Portuguesas fronte a eucaliptización e os incendios.
Baixo o título “De lume a lume, na busca do bosque encantado”, Blanco explicou con imaxes a transformación sufrida polos montes de Coruxo (Vigo), desde que foron recuperados polos comuneiros e comuneiras en 1992. Así, pasou de conter 6,6 ha de frondosas a 52 ha na actualidade e hoxe en día crea 15 postos de traballo.
EFECTOS BENEFICIOSOS
O membro da asociación Matogueira fixo unha comparativa entre o comportamento do monocultivo de eucaliptos fronte ás frondosas fronte o lume. Así, indicou que a veciñanza de Coruxo comprobou de forma directa os beneficios do bosque autóctono: conserva mananciais, zonas húmidas e réxime hídrico. “Tamén aumenta o banco de sementes e zonas de refuxio e os corredores de fauna, os produtos ou froitos do bosque, favorece a paisaxe con diferentes tonalidades e consegue conectar co monte emocionalmente”, indicou.
As I Xornadas Galego-Portuguesas fronte a eucaliptización e os incendios tiveron lugar esta fin de semana en Salceda de Calesas. Nelas chegouse á conclusión de que é a sociedade a que ten reaxir fronte a eucaliptización. Foron organizadas pola rede de entidades a prol do bosque galego “Cousa de Raíces”, o colectivo ecoloxista ADEGA e a Asociación Treze-Catorze, coa colaboración do Concello de Salceda, a Associação Quercus e a Asociación Matogueira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.