Temas: EMPREGO PARO

O paro volve subir en novembro en Galicia

O número de desempregados en Galicia supera as 187.000 persoas tras subir 1.271 o mes pasado, sendo a sétima comunidade do Estado con maior incremento. A Xunta destaca a baixada do 8% respecto ao 2016.

Por E.P. | Compostela | 04/12/2017 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

O paro subiu en Galicia un 0,68% no mes de novembro con respecto ao de outubro, cun total de 1.272 persoas máis anotadas, o que sitúa a cifra de persoas rexistradas que buscan emprego en 187.175, aumento por segundo mes consecutivo, segundo despréndese dos datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social publicados este luns.

Con todo, fronte ao mesmo mes do ano anterior, en Galicia contabilizouse un descenso do 8,05%, ao caer en 16.379 o número de persoas que buscan traballo segundo os datos rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem).

No conxunto do Estado, o número de parados rexistrados subiu en novembro en 7.255 desempregados respecto ao mes anterior (+0,2%), co que xa encadea catro meses de alzas mensuais. Estes datos supuxeron que a media galega (0,68%) foi máis alta que a do conxunto do Estado e sitúaa como a sétima comunidade con maior incremento, detrás de Baleares (24,49%), Cantabria (2,12%), Cataluña (1,78%), Murcia (1,35%), Castela e León (1,2%) e A Rioxa (0,77%).

O volume total alcanzou a finais de novembro, en todo o Estado, a cifra de 3.474.281 desempregados, manténdose no seu nivel máis baixo do últimos oito anos, segundo destacou Emprego. Dentro da serie histórica comparable, que arrinca en 1996, a evolución do paro nos meses de novembro sempre foi desfavorable salvo nos anos 2013, 2014 e 2015, onde se rexistraron descensos.

Bar, bares, xente, persoas, persona, hostalaría, turismo en Madrid
Bar, bares, xente, persoas, persona, hostalaría, turismo en Madrid

POR PROVINCIAS GALEGAS

Todas as provincias galegas rexistran un aumento no número de desempregados, sendo Lugo a que experimentou o maior aumento, cun 1,38% e un total de 249 persoas. Pola súa banda, A Coruña rexistrou un 1,03% con 753 persoas máis; seguida de Ourense, con 0,47% e 96 persoas; e Pontevedra, cun aumento do paro do 0,23% e un total de 174 persoas.

En termos interanuais, hai un descenso en todas as provincias, que en total suman 16.379 desempregados menos fronte a novembro de 2016. Así, rexistranse descensos en todas: Ourense (-2.355 persoas, -10,35%), Lugo (-2.008 parados, -9,88%), Pontevedra (-6.720 desempregados, -8,28%) e A Coruña (-5.296 demandantes, -6,98%).

A distribución dos 187.175 parados, un total de 80.569 son homes e 106.606 correspóndense con mulleres. Se ademais temos en conta as súas idades, 9.865 persoas teñen menos de 25 anos, dos cales, 4.977 son homes e 4.888 son mulleres.

TODOS AGÁS NA INDUSTRIA

O desemprego sobe en todos os sectores menos na industria, no cal o desemprego se reduciu en 29 persoas, até situarse nas 21.444. No lado oposto atópase o sector servizos, que volve lastrar a situación do emprego, cun aumento de 1.036 persoas rexistradas nas listas de demandantes de traballo, até alcanzar as 125.341.

Pola súa banda, aumentou o paro rexistrado en 101 persoas no sector da agricultura (6.803 en total), á vez que novembro deixa á alza o desemprego na construción, con 63 persoas máis anotadas (o total é de 17.141).

Mentres, no colectivo de persoas sen emprego anterior experimentouse un aumento de 101 anotados e eleva o número de demandantes de traballo a 16.446 persoas. Deles, 1.413 son menores de 20 anos; 2.743 teñen idades comprendidas entre os 20 e os 24 anos; 2.061 están entre os 25 e os 29 anos; e 3.517 teñen idades comprendidas entre os 30 e os 44 anos.

Por sexos, no colectivo de persoas sen emprego anterior, 5.574 son homes, mentres que o resto son mulleres (10.872). Desagregado por sexos, o maior número de homes que busca emprego ten máis de 44 anos (1.494 persoas); igual que no de mulleres, que alcanzan as 5.218 demandantes de emprego.

MÁIS PARADOS ESTRANXEIROS

No mes de novembro, un total de 10.205 estranxeiros estaban anotados no paro, un total de 313 máis que en outubro, cunha subida do 3,16%. Deles, 4.150 son orixinarios dalgún país comunitario, mentres que 6.055 pertencen a fóra da Unión.

Segundo sector de actividade, os estranxeiros en desemprego están, principalmente, en servizos (5.833). Tamén hai 613 en construción; 612, en industria; e 816, en agricultura; mentres que sen emprego anterior alcanzan os 2.281 anotados.

BAIXADA DE CONTRATOS

A contratación caeu en Galicia no mes de novembro en 14.845 firmas (-15,65%) até un total de 80.025 persoas. Respecto ao mesmo mes de 2016 hai un avance en 3.945 contratos (+5,19%).

Entre eles, houbo 6.676 contratos indefinidos (supoñen 1.281 menos que o mes anterior, -16,1%) e 76.349 temporais (13.564 menos, --15,61%). Na comparativa interanual hai un ascenso do 10,64% nos indefinidos e do 4,72% nos temporais.

No acumulado, Galicia conta con 949.431 contratos: 75.428 indefinidos (o 7,94%) e 874.003 temporais (o 92,06% do total).

REACCIÓN DA XUNTA

Tras coñecerse os datos, a Xunta destacou "a mellora na calidade do emprego", xa que a contratación indefinida creceu no último ano nun 10,64%, "superando en case seis puntos o reflectido na temporal". Ademais, engade que Galicia "supera o ritmo de subida do Estado" nos contratos indefinidos, cun 0,39% máis.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou nun comunicado de prensa que a recuperación económica "continúa trasladandose ao mercado laboral após coñecerse os datos do paro rexistrado de novembro". Tamén o Goberno galego resalta que creceron os contratos a tempo compleo nun 5,82% e "a mellor ritmo que os parciais". Así, sinala que con respecto a hai un ano, o número de desempregados baixa nun 8,05%, polo que Galicia "conta con 16.379 parados menos", o que sitúa á comunidade "por baixo de niveis de fai oito anos".

Temas: EMPREGO PARO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta