Temas: OURENSE CIG COREN

Cualifican de “infrahumanas” as condicións laborais en Coren-Servicarne

Mobilización en Ourense polo despedimento dun traballador que participou nas protestas por "explotación laboral" nesta empresa cárnica e na súa filial. Será diante dos Xulgados de Ourense este martes.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 04/12/2017 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

"Os traballadores de Coren-Servicarne padecen unhas condicións infrahumanas: sen horario fixo, sen salario mínimo, sen vacacións, con baixas laborais disfrazadas de baixas por enfermidade común, con ritmos de traballo infernais, sen indemnización por despido...". Estas son as condicións que, segundo o secretario comarcal da FGAMT en Ourense, Paulo Conde, sofren os traballadores da empresa cárnica Coren e da súa filial Servicarne.

Protesta dos traballadores e delegados diante da sede de COREN en Ourense
Protesta dos traballadores e delegados diante da sede de COREN en Ourense | Fonte: CIG

Unha situación que foi denunciada xa públicamente pola CIG e que, segundo estes sindicatos, fori o motivo do despido dun dos seus traballadores. Por iso, FGAMT-CIG de Ourense vén de anunciar a convocatoria de mobilizacións para rexeitar o despedimento do empregado por denunciar a explotación laboral en Coren-Servicarne. 

A CIG denuncia a represión sindical que Coren-Servicarne exerce contra aquelas persoas que reclaman unhas condicións de traballo dignas. “Non imos calar; non imos retroceder nesta loita; responderemos con proporcional contundencia ante esta actitude”, afirma.

"ACOSO E PERSECUCIÓN"

Ademais, denuncia que, ante as críticas, a empresa responde con "acoso, persecución, amoestacións e sancións a aqueles/as traballadores/as que simplemente esixen dignidade". “Esta actitude non mudou, e atopámonos hoxe cun expediente de expulsión dun compañeiro polo simple feito de manifestarse coa CIG”, destaca Conde.

Directivos e membros do Consello de Administración de Coren na apertura dun novo local
Directivos e membros do Consello de Administración de Coren na apertura dun novo local | Fonte: extradigital.com

Por iso, anima a participar na concentración convocada diante do edificio xudicial de Ourense este martes ás 11:30 horas en apoio do traballador represaliado e para reclamar a súa inmediata readmisión. A protesta coincide co xuízo polo despedimento.

GC púxose en contacto coa empresa para que dera a súa opinión sobre o despedimento deste traballador e as críticas e mobilización da CIG ao respecto sen que, ata o momento, houbera resposta.

LONGO CONFLITO

Estas denuncias non son novas. Frigolouro, pertencente ao grupo Coren, comezou a prescindir de asalariados e incorporar a autónomos no Porriño a través de Servicarne hai anos.  Os sindicatos levaron o asunto a Xustiza. Son relativamente optimistas de que o xuíz, en base a un informe crítico da Inspección de Traballo, ditamine que a filial de Coren está a cometer un fraude de lei.

 

Tras meses de folgas, impagos de salarios e tensión; a empresa chegou a advertir que xa atopara terreos susceptibles para irse ao norte de Portugal, argumentado que necesitaba baixar custes salariais dado que a competencia xa utiliza a cooperativas como Servicarne. Posteriomente, matizou as súas declaracións, indicando que está a negociar cos sindicatos e que non pechará no Porriño, pero advertía que os novos proxectos podían ir ao Estado luso.

 

Con todo, esta ameaza provocou que a compañía recibira presión en diferentes frontes. Os sindicatos xa lle lembraron a Coren que é unha empresa galega que recibe fortes subvencións da Xunta. De feito, a situación do grupo cárnico e das súas filiais mesmo chegaron á Cámara galega.

 

NOVA PLANTA DE COREN

 

Estas denuncias tamén coinciden co anuncio do Grupo Coren do investimento de máis de catro millóns de euros para a posta en marcha en Friol (Lugo) do seu novo Centro de Reprodución, Xenética e I+D Avícola - Friol 1 co obxectivo, di, "de lograr a dimensión necesaria para atender as necesidades de crecemento do mercado nacional e internacional nos próximos anos". Un centro que contou cunha achega institucional da Xunta de Galicia de 1.316.000 euros.

 

"Este é o primeiro paso do conxunto de proxectos previstos por Coren entre Friol e Portomarín, dentro do Plan de Acción de Coren en Lugo, que levará un investimento de 33 millóns de euros por parte da cooperativa e suporán a creación dun total de 175 postos de traballo no campo galego. Estes empregos súmanse aos máis de 600 que xa xera Coren actualmente na provincia de Lugo", apuntou Coren nun comunicado. 

 

Segundo a empresa cárnica, o novo centro investigará as xenéticas autóctonas galega. "Deste xeito, as investigacións que antes só se realizaban en terceiros países, agora tamén se desenvolven en Galicia", sinalou Manuel Gómez-Franqueira.

Temas: OURENSE CIG COREN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cesc

O peor da GZ explotadora vese con exemplos coma estes. Aggg