Temas: AUGA SECA MIñO

Un Miño ao 10%

O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil recoñece que "por primeira vez" dende 1998 a auga que chega a Portugal non cobre os mínimos establecidos polo convenio internacional de Albufeira. Nos ríos pequenos, "non se pode facer nada" para manter o caudal ecolóxico.

Por E.P. | Compostela | 04/12/2017 | Actualizada ás 16:01

Comparte esta noticia

O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, informou de que "por primeira vez" a auga que chega a Portugal non cubrirá o mínimo trimestral acordado polo convenio internacional de Albufeira (1998) e, que se non fose pola situación de "excepcionalidade" da seca, a CHMS "estaría obrigada a desembolsar auga" cara ao país veciño.

Greenpeace documenta a seca no Encoro Belesar en Portomarín, Lugo.
Greenpeace documenta a seca no Encoro Belesar en Portomarín, Lugo.

Así o sinalou após a reunión da Oficina Técnica da Seca en Ourense, na que os datos analizados constataron unha caída dun 65% das precipitacións medias desde o 1 de outubro, que os caudais "están baixísimo" e que nos ríos de menor entidade "non se pode facer nada" para manter o caudal ecolóxico.

Marín puxo como exemplo o caso do río Miño, que no seu tramo superior (por riba do encoro de Belesar) porta só o 10% da auga que debería levar nestas datas; mentres que a partir dese encoro, "leva o 20% da auga que debería circular".

De feito, Francisco Marín explicou que en Lugo, o normal nestas datas sería que pola canle do Miño circulasen 53 metros cúbicos de auga por segundo, pero que nestes momentos só circulan 5,25 metros cúbicos. "En Ourense a media debería ser de 204 metros cúbicos por segundo, pero están a circular 34; mentres que en Salvaterra están a pasar 64 metros cúbicos por segundo, dunha media de 286", abundou Marín.

"Os datos son peor que o ano pasado", explicou Marín após dar a coñecer que no último ano hidrolóxico (desde o 30 de setembro) choveron 100 litros por metro cadrado, moi por baixo da media habitual de 270 litros; e que os encoros se atopan ao 40% da súa capacidade, ata "18 puntos por baixo da media".

CONSECUENCIAS PARA PORTUGAL

A situación de "excepcional seca" que vive Galicia tamén terá consecuencias para Portugal. Neste sentido, Marín explicou que desde que hai 19 anos asinouse o Convenio de Albufeira (que regula o aproveitamento das concas hidrográficas conxuntas entre España e Portugal) "por primeira vez non se vai a cumprir o valor trimestral" do volume de auga que chega ao país veciño. Así, desde o pasado 1 de outubro polo encoro de Frieira terían que pasar 440 hectómetros cúbicos até Portugal, pero só pasou a metade (201). "Se este ano non fose excepcional estariamos obrigados a desembolsar auga", aclarou.

Para o presidente da CHMS "as grandes cidades non van ter problemas de abastecemento no caso de que as precipitacións se manteñan a un nivel similar que o pasado ano hidrolóxico 2016/17, "o peor" rexistrado polo ente público.

De feito, Marín amosou a súa esperanza en que se cumpran as previsións da Axencia Americana de Meteoroloxía, que sinalan que a partir de mediados de decembro, en xaneiro e febreiro, "as precipitacións serán máis abundantes do normal".

A Oficina Técnica da Seca ten programada unha reunión da Xunta de Goberno e o Consello da auga da demarcación Miño-Sil, o próximo 13 de decembro, para informar os seus membros (administrciones, asociacións ecoloxistas, hidroeléctricas e usuarios de regadíos) a situación que terían que afrontar no caso de que se agrave a seca.

Temas: AUGA SECA MIñO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta