As voltas e revoltas do novo Partido Socialista en Galicia

As vitorias de David Regades e Álvaro Santos nas primarias de Pontevedra e Lugo supoñen un cortalumes na folla de ruta do novo PSdeG de Gonzalo Caballero. Os dous dirixentes, das correntes non oficialistas, prometen integración e unidade nas executivas provinciais.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 05/12/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Crear un novo socialismo en Galicia. Esa foi a gran promesa de Gonzalo Caballero cando se fixo co control do PSdeG a comezos do pasado outubro tras un pacto cun dos candidatos, Xoaquín Fernández Leiceaga. Un pacto que non lle serviu para reeditar esa vitora un mes despois en dúas das provincias galegas; Lugo e Pontevedra. 

O edil David Regades.
O edil David Regades.

O concelleiro vigués David Regades e o actual portavoz da Deputación de Lugo, Álvaro Santos, resultaron vencedores nas primarias ás secretarías provinciais do PSOE destas provincias celebradas este domingo. Uns resultados que supoñen, en certo xeito, un freo as intencións de Caballero de dominar e controlar todo o partido.

De feito, o seu candidato en Pontevedra, o redondelano Eduardo Reguera estivo a máis de 250 votos de diferencia de Regades --1062 por 805--, e en Lugo a distancia aínda foi maior --747 de Santos, fronte aos 295 de Patricia Otero, tenente alcalde de Burela--. 

As vitorias de Santos e Reguera evidencian que o control provincial está nas mesmas mans que o tiña ata o de agora, é dicir, Abel Caballero e Carmela Silva en Pontevedra e Darío Campos e Lara Méndez, en Lugo. Unha situación que compromete ese proxecto de "novo socialismo" co que se presentou Gonzalo Caballero.

UNIDADE

Con todo, os futuros secretarios provinciais queren facer "tabula rasa" e facer un "só equipo" onde non existan "nin correntes, nin oficialistas, nin críticos". Algo que dependerá, en todo caso de se os sectores perdedores aceptan esa integración. Unha integración que non aceptou na Executiva Nacional Galega hai un mes o contrincante de Caballero, Juan Díaz Villoslada, ao considerar que non estaba ben representado en función dos apoios recibidos nesa votación.

El socialista Álvaro Santos.
El socialista Álvaro Santos.

"O que se trata é de que todos sumemos", apunta en declaracións a GC Ávaro Santos. "O que hai que facer agora é un proxecto conxunto, unificar o partido co obxectivo claro de gañarlle á dereita nas vindeiras eleccións", engade tamén a este medio David Regades.

Os dous insisten en que non hai "vencedores, nin vencidos" e que o PSdeG é un proxecto "coherente e cohesionado". Por iso, os dous non teñen problema en asegurar que nas súas executivas hai postos "para os queiran estar", independentemente, se son dun ou doutro bando. 

"O importante é que temos que estar unidos para derrotar, unha vez máis, ao PP na provincia. Temos que conservar a deputación e sacar aínda máis alcaldías que as que sacamos hai tres anos", suliña Regades. "Eu son militante de base. Non creo nas etiquetas. Gonzalo Caballero é o meu secretario xeral. Houbo unhas votacións e agora todos temos que remar no mesmo sentido", engade Santos.

ILUSIÓN

A pesar de vencer con contundencia, os dous dirixentes amosan prudencia e evitan sacar músculo. Insisten unha e outra vez en que, agora, é o momento de tirar xuntos do mesmo carro. No que si coinciden é na alta participación --o 66% en Pontevedra e o 72% en Lugo--. "Isto indica que seguimos sendo unha forza viva", di Regades. "Un partido activo", engade Santos. 

Por iso, non dubidan en agradecer aos seus militantes esa alta participación e que teñan confiado neles. "Este proceso xerou moita ilusión nas agrupacións locais que se volveron dinamizar. Hai ganas de enfrontarse co Partido Popular", destaca David Regades. "Si, iusión e ganas de participar. Tamén esperanza de cara ao futuro", apunta Álvaro Santos.

E o certo é que os dous teñen a certeza de que a súa vitora supón un salto cualitativo para o socialismo galego. Tamén o cre Carmela Silva, a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra , que felicitou ao Partido Socialista polo proceso de primarias desenvolvido esta pasada e sinalou que o "obxectivo" é presentar un partido "potente" para ter "un proxecto alternativo á dereita cavernícola".

Pola súa banda, Gonzalo Caballero, evita, polo momento, pronunciarse. Aínda quedan outras dúas batallas internas no PSdeG; as primarias da Coruña e as primarias de Ourense, e nas dúas, os candidatos do novo secretario xeral do PSdeG tampouco teñen as cousas doadas.

Gonzalo Caballero
Gonzalo Caballero | Fonte: galiciaartabriadigital.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta