Temas: LUMES INCENDIOS

Seis meses de prisión e 1.080 euros para o detido por un incendio en 2016 en Cartelle

O tribunal absólveo en relación a outro tres incendios no mesmo municipio.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2017 | Actualizada ás 16:56

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Ourense condenou a seis meses de prisión e a unha multa de 1.080 euros a un home por un incendio forestal no municipio de Cartelle na madrugada do 30 de setembro de 2016. O tribunal absólveo en relación a outro tres incendios no mesmo municipio durante o verán de 2016, por entender que non hai probas que demostren que o acusado foi o autor deses lumes.

Loita contra o lume
Loita contra o lume | Fonte: Miguel Núñez.

A sentenza tamén sinala que no caso de que o condenado non faga fronte ao pago da multa quedará suxeito a unha responsabilidade persoal subsidiaria dun día de privación por cada dúas cotas diarias que non satisfaga ou deberá emendar esta pena mediante traballos en beneficio da comunidade.

A Fiscalía reclamara para M.R.V. cinco anos e medio de prisión e unha multa de seis euros diarios durante 21 meses, como autor dun delito continuado de incendio forestal por provocar catro incendios entre os meses de xuño e setembro de 2016.

A petición baseábase nas declaracións dos axentes forestais que detiveron ao home despois de provocar o incendio polo que agora se lle condena.

Durante a instrución e o xuízo os axentes sinalaron que durante os traballos de extinción do incendio do 29 de setembro o home recoñecéralles a súa participación no resto dos incendios que se produciron na localidade da Seara (Cartelle) durante as madrugadas do 30 de xuño, 1 de xullo, 13 de setembro.

A Sala considera acreditada a autoría do acusado no incendio que tivo lugar na madrugada do 29 ao 30 de setembro, en base á declaración testifical do axente forestal que o pillou "in fraganti" cando estaba a prender lume cun chisqueiro a unhas zarzas xunto a unha cuneta.

Con todo, rexeita a condena por delito continuado de incendio forestal por considerar que non hai medios de proba que permitan situar o acusado nos días e horas concretos nos que se produciron o resto dos sinistros e porque "o testemuño" dos axentes forestais "non permite acreditar" que M.R.V. fose o autor do resto dos lumes.

A sentenza considera que as declaracións do acusado de forma voluntaria ou espontánea ante os axentes da autoridade sen asistencia letrada "só poden admitirse como medio probatorio cando estas manifestacións aparecen corroboradas por algún dato obxectivo esencial".

Con todo, o xuíz insiste en que esta situación non se produciu neste caso, onde ademais o acusado "negou este recoñecemento" durante a súa declaración na sala.

O xuíz conclúe que a admisión como proba da autoincriminación por parte do acusado nun interrogatorio preliminar e sen información sobre os seus dereitos, "constituiría unha fraude procesual".

Contra a sentenza cabe recurso de apelación no prazo de dez días a partir da súa notificación.

Temas: LUMES INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Connolly

Galiza está chea de silvas, pero en Cartelle somos máis finos e temos zarzas.