Feijóo reclama "transparencia" sobre o financiamento do País Vasco

O presidente da Xunta mostrouse este mércores contrario a perdoar débeda das comunidades autonómicas, como propuxo Miquel Iceta.

Por E.P. | MADRID | 06/12/2017 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó, mostrouse este mércores contrario a perdoar débeda das comunidades autonómicas, como propuxo o candidato socialista á Generalitat, Miquel Iceta, e reclamou "transparencia e claridade" no cálculo da cota vasca, pois considera que Euskadi recibe máis financiamento por habitante que o resto de comunidades.

Os presidentes Alberto Núñez Feijóo, Javier Fernández e Juan Vicente Herrera
Os presidentes Alberto Núñez Feijóo, Javier Fernández e Juan Vicente Herrera | Fonte: Europa Press

En declaracións aos medios de comunicación no Congreso, durante o acto de conmemoración da aprobación da Constitución, o presidente galego reflexionou acerca da posibilidade de que se perdoe a débeda. Así, expuxo que "se os que non pagan ao final saen beneficiados, existe un risco: que non pague ninguén". "E se nun país non paga ninguén, ese país non funciona", engadiu.

Aludindo á Constitución, dixo que un dos seus "principios básicos" é "a igualdade de todos os cidadáns". "Se hai gobernos autonómicos que non pagaron a súa débeda e se lles perdoa boa parte deses intereses, e ademais agora pretenden que se lle condone o que nin sequera pagaron, pois home, estas cousas eu creo que convén falalas", cuestionou.

"SABER COMO SE CHEGAN ÁS CIFRAS DA COTA"

Respecto ao acordo do Goberno de Mariano Rajoy co do País Vasco para o cálculo da 'cota', Feijoó reclamou "transparencia e claridade" sobre o cálculo das achegas desta Comunidade Autónoma, aínda que lembrou o maioritario respaldo dado polo Congreso a este pacto.

"Tivo máis apoio que nunca, porque aquí votou todo o mundo a favor salvo un partido ou dous. Debe de ser que está ben achado", argumentou. "O que pedimos os presidentes simplemente é que nos expliquen como se chegan a esas cifras. Non cuestionamos o acordo. Si que dicimos que nos gustaría coñecer o contido do acordo", dixo.

En todo caso, encadrou esa petición como parte das "reaccións" dun "Estado composto" como o español. "Creo que se calquera presidente autonómico fora presidente de España tentaría chegar a un acordo coa cota, e se calquera ministro fora presidente autonómico pediría transparencia e claridade en como se chegou a achar esa cota. Creo que as reaccións de cada un foron reaccións correctas", aseverou.

FINANCIAMENTO QUE SUPERA "MOITÍSIMO" Á DO RESTO

Preguntado por se consideraba que o País Vasco tiña un exceso de financiamento, lembrou que  "consecuencia dos seus foros do século XIX e ese dereito está referendado por todos os españois", e que leva un financiamento máis favorable.

"É certo que no País Vasco o financiamento por habitante supera moitísimo ao financiamento por habitante de calquera comunidade autónoma. Iso é un dato obxectivo, non é unha crítica. É unha crónica dos datos", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pondaliao

Feijoo acabas de descubrir a pólvora. Cómo se pode pedir transparencia a un privilexio?