Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 07/12/2017 | Actualizada ás 10:00
A eucaliptización de Galicia xa é un problema europeo. Representantes de 20 entidades galegas relacionadas co patrimonio cultural reunironse este mércores en Bruxelas coas eurodeputadas alemáns Maria Heubuch (Verdes), SabinLosin (GUE/NGL) e o eurodeputado Stefan Eck (GUE/NGL). E por que con alemans?, porque este país é o principal receptor da madeira de eucalipto galega.
O 17% do territorio galego está inzado de eucaliptos dirixidos principalmente a abastecer demandas da UE. De feito, o 95% da celulosa que produce a empresa ENCE vai destinada ao mercado europeo, sendo o principal receptor Alemaña, cun 23% da produción, seguido de Italia, co 16%. E os representantes destas entidades puideron explicarlles aos alemáns, de primeira man, as graves consecuencias deste escenario e, nomeadamente, as referidas ao risco incendiario e á perda do patrimonio arqueolóxico.
Convidados pola eurodeputada do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Lídia Senra, denunciaron a “orientación exclusivamente economicista e cortoplacista, ao servizo da industria do eucalipto-celulosa” do actual modelo forestal da Xunta de Galicia, engadindo a súa preocupación pola falta dunha lexislación “que defenda, de verdade, a protección do patrimonio fronte aos usos industriais e forestais do monte”.
MONOCULTIVOS
Precisamente o monocultivo indiscriminado de especies arbóreas alóctonas, invasoras e pirófitas, xunto á falla de planificación na xestión do monte e a demanda de madeira da industria da celulosa e a falta de control sobre a súa orixe, foron denunciadas neste encontro como “as principais ameazas para a sostenibilidade do patrimonio forestal e etnográfico galego”. Ademais informaron de que o valor da madeira talada cada ano en Galicia -principalmente pinos e eucaliptos- suma 300 millóns de euros dirixidos ao sector privado, pero o propio custo da extinción e mantemento desta colleitasupón un gasto anual de 175 millónsde cartos públicos.
Lídia Senra, pola súa banda, destacou tamén a necesidade de “seguir traballando dende o Parlamento Europeo e as institucións comunitarias para conseguir que o eucalipto sexa incluído no Decálogo de especies invasoras da Unión Europea”. “A paisaxe e a biodiversidade forman parte do patrimonio cultural” -destacou a eurodeputada galega- “e máis en pobos como o galego, onde o monte é unha das nosas principais claves etnográficas, forma parte fundamental das nosas tradicións, gastronomía, lendas e imaxinario como pobo...”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.