Temas: EMERXENCIAS 112

Alerta laranxa en toda Galicia por vento e choiva

A borrasca profunda Ana traerá na tarde-noite do domingo refachos de vento de ata 120 km/h e Pontevedra sufrirá intensas precipitacións. Alerta na costa por ondas de ata seis metros.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/12/2017 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

A primeira borrasca profunda deste outono e con nome propio: Ana. A dirección xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia activou a alerta laranxa en todo o país para este domingo tralos avisos dados pola Axencia Estatal de Meteoroloxía sobre a borrasca situada ao norte da Península Ibérica.

Alerta laranxa en Galicia polo primeiro temporal deste outuno.
Alerta laranxa en Galicia polo primeiro temporal deste outuno.

AEMET-Galicia avisou dun fenómeno meteorolóxico adverso por ventos que se iniciará nas primeiras horas da tarde do domingo e que traerá refachos de ata 120 km/h. Afectará a toda Galicia agás Ourense, onde se acadarán os 100 km/h.

No mesmo boletín, AEMET-Galicia informa dun fenómeno adverso por choivas en toda a provincia de Pontevedra, con precipitacións acumuladas nunha hora de ata 30 mm. Dará comezo a primeiras horas do domingo. Estes fenómenos meteorolóxicos adversos teñen previsto o seu remate xa na madrugada do luns.

Xa antes, a Axencia Estatal de Meteoroloxía avisara dun fenómeno meteorolóxico adverso na costa por mar combinada de ata Forza 9, con ondas previstas de 5 a 6 metros e que afectará a todo o litoral de Galicia dende as primeiras horas da tarde do domingo e ata as últimas horas do luns.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos municipios das provincias afectadas, ás deputacións e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros organismos. Ademais, a Xunta lembra á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como  evitar aproximarse a diques co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas.

Temas: EMERXENCIAS 112
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta