SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2017 | Actualizada ás 14:02 por EUROPA PRESS
As últimas análises da auga nos municipios pontevedreses de Vigo, Moaña, Redondela e Soutomaior evidencian parámetros altos, pero que non superan os límites aconsellados, así que polo momento non se adoptarán restricións do seu uso tanto para beber como para cociñar, aínda que a Xunta seguirá coas mostraxes para garantir que os niveis non se disparan.
En rolda de prensa, a xefa territorial da Consellería de Sanidade, Ángeles Feijóo, sinalou que se trata de auga potable, pero advertiu que é "auga de moi baixa calidade", porque todos os parámetros nestes municipios sitúanse por baixo dos límites legais, pero están altos.
A Xunta notificara o xoves por carta a estes concellos da área de Vigo que presentaban valores "por enriba dos límites establecidos na normativa vixente da auga de consumo humano" e puntualizara que eses "valores anormais" non supuñan un risco sanitario polo momento, aínda que "de manterse no tempo obrigarían a tomar medidas", como decretar que a auga non era apta para a inxestión.
Despois das medicións da Xunta, foron os xestores dos servizos municipais de auga os que trasladaron os seus propios datos para confirmar se se ratificaban os parámetros anormais. Como non foi así, polo momento non se restrinxe o consumo humano de auga en ningún dos municipios nos que saltaran as alarmas.
En canto a Vigo, a Xunta non dispón de novos datos despois dos recibidos de Aqualia, concesionaria do servizo, durante a tarde deste venres, que revelaron 514 microgramos por litro de ferro á saída da ETAP do Casal, un parámetro que se elevou a 559 microgramos por litro no punto da rede en Canido onde se dispararon os valores.
(HABERÁ AMPLIACIÓN)
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.