Temas: AUGA SECA VIGO

Apta para o consumo pero "de moi baixa calidade"

A auga de Vigo, Moaña, Redondela e Soutomaior pódese consumir pero é "de moi baixa calidade", segundo a Consellería de Sanidade. O Concello vigués asegura que os parámetros melloraron e carga contra Feijóo pola súa "política partidaria da máis baixa estofa".

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 09/12/2017 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

As últimas análises da auga nos municipios de Vigo, Moaña, Redondela e Soutomaior evidencian parámetros altos, pero que non superan os límites aconsellados, así que polo momento non se adoptarán restricións no seu uso tanto para beber como para cociñar, aínda que a Xunta seguirá coas súas propias mostraxes para garantir que os niveis non se disparan.

A xefa territorial da Consellería de Sanidade, Ángeles Feijóo, sinalou que se trata de auga potable, pero advertiu que é "auga de moi baixa calidade", porque todos os parámetros nestes municipios sitúanse por baixo dos límites legais, pero son elevados.

A Xunta notificara o xoves por carta a estes concellos da área de Vigo que presentaban valores "por enriba dos límites establecidos na normativa vixente da auga de consumo humano" e puntualizara que eses "valores anormais" non supuñan un risco sanitario polo momento, aínda que "de manterse no tempo, obrigarían a tomar medidas", como decretar que a auga non era apta para a inxestión.

Despois das medicións da Xunta, foron os xestores dos servizos municipais de auga os que trasladaron os seus propios datos para confirmar se se ratificaban os parámetros anormais. Como non foi así, polo momento non se restrinxe o consumo humano de auga en ningún dos municipios nos que saltaran as alarmas.

Billa de auga
Billa de auga

EXTREMAR A VIXIANCIA

No entanto, a xefa do servizo de control de riscos ambientais da Consellería de Sanidade, Natalia Botana, alertou de que se rexistran "valores moi elevados", polo que é preciso "extremar" a vixiancia. Por iso, os inspectores de Saúde Pública están a recoller durante a fin de semana as súas propias mostras nos abastecementos máis preocupantes "para facer un seguimento intensivo e poder reaccionar se os valores se superan".

Ademais da propia situación de partida, as intensas choivas previstas para as próximas horas poderían provocar que puntualmente se revasen os valores legalmente establecidos en canto a turbidez, ferro e cor da auga. Por iso, á parte de Vigo, Moaña, Redondela e Soutomaior, tamén se toman mostras no Consorcio de Louro, que abastece ao Porriño e Salceda e no abastecemento de Cangas.

As responsables de Sanidade que compareceron na rolda de prensa deste sábado recalcaron que non se trata dunha alerta sanitaria e que estar preto dos parámetros máximos "non ten que supor un risco inminente para a saúde", aínda que non é adecuado que esta circunstancia se manteña no tempo. Ademais, Natalia Botana expuxo que, a partir do valor máximo, existe "unha marxe de tolerancia" no cal aínda se mantén a seguridade para o consumo.

ÚLTIMOS DATOS DE VIGO

En canto a Vigo, os últimos datos dos cales dispón a Xunta son os remitidos na tarde do venres por Aqualia, concesionaria do servizo, que revelaron 514 microgramos por litro de ferro á saída da ETAP do Casal, un parámetro que se elevou a 559 microgramos por litro no punto da rede en Canido onde se dispararon os valores.

No entanto, o Concello de Vigo asegurou que os parámetros melloraron "desde onte" e volveu proclamar que "toda a auga da cidade é potable ao 100%". En calquera caso, subliña que seguirán "atentos á súa evolución para garantir o consumo seguro".

ATAQUES POLÍTICOS

Nun comunicado, o consistorio de Abel Caballero carga contra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a quen fai "responsable do que está a suceder" e a quen acusa de practicar "unha política partidaria da máis baixa estofa con este tema, en función dos seus intereses persoais". "A cidade de Vigo sabe ben quen é o responsable e que se chama Feijóo", proclama.

Así, insiste en que "a responsabilidade desta situación é do señor Feijóo, que non atendeu a demanda viguesa dunha solución definitiva, proposta no ano 2011, cando tampouco atendeu a petición de realizar un transvasamento". "Nin fixo caso cando Vigo reclamou en outubro deste ano unha solución de emerxencia, nin concedeu a redución do caudal ecolóxico. A auga de Vigo, tan importante e necesaria, está no mar", sostén o comunicado.

Fronte a esta versión, o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, replica que a competencia da auga é municipal, do mesmo xeito que a titularidade da potabilizadora do Casal, e denuncia que o Concello "coñece desde hai varios anos as deficiencias estruturais" que sofre porque llo advertiron os seus propios técnicos. Ademais, agrega que as arcas municipais tiveron o financiamento necesario cando se lle prorrogou a Aqualia a concesión, pero "decenas de millóns de euros parece que non se gastaron" en mellorar o ciclo da auga.

"A quen lle pagamos o abastecemento? De quen é a competencia? De quen é a titularidade da ETAP? Quen recibiu diñeiro da xestora da auga, decenas de millóns de euros pola prórroga? Quen é a responsable da auga?", preguntouse López-Chaves.

Temas: AUGA SECA VIGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

"Os parámetros sitúanse por baixo dos límites legais, pero son elevados" Os que levamos exactamente un ano agardando coñecer os parámetros da EDAR do Lagares só podemos dicir que nin sabemos siquera se están por baixo dos límites legais... Augas de Galicia moveu a súa cabeza visible (cabezón) pero ata hoxe ninguén facilitou os DATOS da Contaminación na Ría de Vigo https://flic.kr/p/QpAGAj O NEGOCIO da AUGA !!!

1 augador morrillo

Que vergonza e que inmundicia... o pe$oe o o pepeiro facendo politicastria coa auga... coa auga de billa para beber... son noxentos o alcalde e o xunteiro, calquer persoa normal xa teria vergonza allea destes dous comandatarios... xogar asi cos intereses mais baiscos dos cidadans... ises si que son trolles