Osíxeno para o Dépor

O equipo deportivista vence 1-0 o Leganés cun gol de Adrián López e logra por fin a vitoria tras catro xornadas sen gañar. Primeira vitoria de Cristóbal Parralo en Riazor e tres puntos para afastarse dos postos de descenso. Vindeira cita, contra o Barça no Camp Nou.

Por gcdeportes | A Coruña | 09/12/2017 | Actualizada ás 21:08

Comparte esta noticia

Ficha técnica
RC Deportivo 1:
Rubén; Juanfran, Fabian Schär, Sidnei, Navarro; Guilherme, Celso Borges; Carles Gil (Fede Valverde, 87’), Emre Çolak (Pedro Mosquera, 94’), Adrián López (Bakali, 83) e Lucas Pérez.
CD Leganés 0: Cuéllar; Tito, Bustinza, Raúl García, Diego Rico; El Zhar (Naranjo, 69’), Rubén Pérez (Gumbau, 46’), Gabriel, Szymanowski (Amrabat, 53’); Eraso e Claudio Beauvue.
Gol: 1-0: Adrián López (minuto 24).
Árbitro: Melero López (andaluz). Amarelas a Fabian Schär (27’), Celso Borges (48’), Guilherme (53’) e Navarro (93’) no Deportivoe a Rubén Pérez (39’), Gumbau (61’), Beauvue (87’) e Gabriel (90’) no Leganés.
Incidencias: partido da 15ª xornada de Primeira División disputado no estadio Abanca-Riazor ante 18.447 espectadores.

Despois de catro xornadas sen gañar, tres puntos de ouro. Un gol de Adrián López no primeiro tempo foi dabondo para o Deportivo, que colle osíxeno na clasificación, afastándose tres puntos dos postos de descenso. Merecido triunfo do equipo deportivista, no que destacou Emre Çolak levando a batuta en ataque. Un triunfo imprescindible antes de visitar o Barça no Camp Nou e pechar o ano co derbi ante o Celta en Riazor.

Foi ademáis a primeira vitoria de Cristóbal Parralo en Riazor, tras sumar tan só un punto dos últimos 12. O Dépor, consciente da importancia do choque, asumiu a iniciativa e apostou pola presión alta, co Leganés cedendo a posesión. O gol chegou axiña, no minuto 24, cando o meta visitante Cuéllar non puido atallar un disparo de Emre Çolak dende o bordo da área e aproveitou o rexeite Adrián López para marcar o único gol do partido.

O dianteiro asturiano puido marcar o segundo cun disparo lonxano, pero desta volta respondeu o meta rival cunha gran estirada para despexar a córner. A mellor ocasión do Leganés antes do descanso chegou nun córner, pero Bustinza rematou coa testa fóra por pouco.

O Deportivo seguiu levando o peso do partido trala reanudación, pero non foi quen de marcar o gol da tranquilidade. Tentouno nunha xogada entre Lucas Pérez, Adrián e Emre Çolak, pero o remate final do turco foise alto. Lucas Pérez presionou un pase atrás de Bustinza cara a Cuéllar, que a piques estivo de costarlle caro ao Leganés. A mellor dos coruñeses chegou cun disparo de Carles Gil no minuto 67 que petou na trabe da portaría rival. O primeiro troco deportivista non chgou ata o minuto 83: entraron Bakkali, Fede Valverde e Mosquera, e Florin Andone quedous sen minutos. O Leganés apenas creou perigo, pero o Dépor sufriu ata o minuto 94 pola incerteza no marcador. Ao final, tres puntos de ouro para sumar 15 tras 15 xornadas.

Os deportivistas felicitan a Adrián López polo gol da vitoria.
Os deportivistas felicitan a Adrián López polo gol da vitoria. | Fonte: @RCDeportivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta