Alerta vermella en Galicia ante a chegada do temporal

A Xunta, que suspende todas as actividades ao aire libre, recomenda extremar as precaucións e afastarse da costa ante a borrasca profunda Ana, que obriga a activar a alerta por ventos de ata 140 km/h e chuvias intensas. A Coruña pecha parques e praias. A Federación Galega de Fútbol suspende os partidos nas categorías autonómicas a partir das tres da tarde.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/12/2017 | Actualizada ás 22:03

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia recomenda os galegos extremar as precaucións ante a chegada da borrasca profunda denominada Ana que este domingo obrigará a activar a alerta en Galicia por ventos que poden alcanzar os 140 km/h. Ademais, deixará ondas de até seis metros na costa e precipitacións xeneralizadas, principalmente en Pontevedra.

Temporal Galicia, vento, choiva, mal tempo
Temporal Galicia, vento, choiva, mal tempo

Na mañá do domingo, a Axencia Española de Meteoroloxía (Aemet) elevou a nivel vermello o aviso en varios puntos das provincias galegas de Lugo, Ourense e Pontevedra pola incidencia do temporal. Así, segundo informou a Xunta, o nivel de alerta pasará a ser vermello a partir das 18:00 horas deste domingo nas Rías Baixas, O Miño, no interior da provincia de Pontevedra, a montaña de Ourense e a montaña de Lugo.

A través dun comunicado, a Consellería de Presidencia pide aos galegos evitar aproximarse a diques para previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar a persoas ou obxectos. Así mesmo, animou os propietarios das embarcacións a revisar os amarres antes da chegada do temporal, así como evitar o baño nas prazas ou realizar prácticas deportivas e náuticas. "Permaneza lonxe da costa: praias, rompentes, paseos marítimos, espigóns, portos ou todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar", pide o departamento que dirixe Alfonso Rueda.

A Xunta tamén lembra á poboación a importancia de seguir medidas de protección como retirar os obxectos que poidan caer á vía pública desde tellados, balcóns e xanelas, así como evitar pasear por preto de edificios en ruínas, en construción ou paneis publicitarios.

MEDIDAS NA CORUÑA E COMPOSTELA

Mentres, os concellos de Compostela e A Coruña suspenderon as actividades deportivas ao aire libre previstas para este domingo ante a chegada do temporal, que deixará ventos de até 120 km/h no litoral e zonas altas de Galicia.

A través da súa conta de Twitter, o consistorio herculino anunciou que os parques e xardíns da cidade quedarán pechados a partir das 8:00 horas do domingo e tampouco se permitirá o acceso ás praias. As actividades deportivas previstas para a xornada dominical foron suspendidas.

Pola súa banda, o Goberno da capital galega, tamén a través das redes sociais, informou de que, por precaución, as actividades deportivas ao aire libre previstas para a tarde quedan suspendidas.

SUSPENSIÓN DO FÚTBOL GALEGO

Pola súa parte, a Real Federación Galega de Fútbol suspendeu todos os partidos programados para despois das 15:00 horas deste domingo ante a chegada do temporal de vento e choiva Ana.

A Secretaría Xeral para o Deporte emitiu a media tarde deste sábado un comunicado no que informaba que suspende "todas as actividades ao aire libre que organice directamente", á vez que recomendaba a federacións e clubs facer o mesmo ante a chegada dun fenómeno meteorolóxico que manterá unha alerta nivel laranxa en tres das catro provincias galegas.

Minutos máis tarde, a RFGF publicou un comunicado na súa páxina web no que informaba da suspensión de todos os partidos das categorías dependentes da federación "debido a graves problemas meteorolóxicos". A medida afecta as categorías do fútbol autonómico, a partir da Terceira División galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta