Como é posible que haxa verteduras contaminantes continuadas nun espazo da Rede Natura?

ADENCO denuncia unha nova vertedura da depuradora de Ponteareas ao río Tea. Con este xa son varios os vertidos realizados a este río. O Concello de Ponteareas di que investiga o acontecido.

Por Galicia Confidencial | Ponteareas | 11/12/2017 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

É un espazo pretexido. Incluido na Rede Natura 2000. E, aínda así, leva sendo motivo de agresións ecolóxicas continuadas. Este pasado sábado tivo lugar outro atentado ambiental contra o río Tea. Nesta ocasión, vén derivada, novamente, dunha importante vertedura realizada directamente desde a depuradora de Ponteareas, localizada no lugar da Moscadeira, ao curso fluvial.

Verquidos dunha depuradora ao río Tea
Verquidos dunha depuradora ao río Tea | Fonte: ADENCO

Tras ser verificado o atentado ecolóxico in situ por varios membros de ADENCO, o Colectivo ecoloxista enviou denuncia destes feitos a diferentes entidades entre as que se atopan a Consellería de Medio Ambiente, a Confederación Hidrográfica Miño Sil e o Concello de Ponteareas.

O Grupo Ecoloxista esixe ás autoridades competentes que se solucionen dunha vez estes vertidos da depuradora ao río Tea e se depuren responsabilidades. No mesmo senso, estuda realizar outra clase de actuacións e denuncias sobre estes atentados ecolóxicos.

Foi o sábado cando Adenco denunciou estes feitos, colgando un vídeo de corenta e cinco segundos que, en 24 horas, tivo máis de 125.000 visualizacións e  foi compartido 2.000 veces.

Numerosas verteduras

O río Tea, espazo natural de importancia comunitaria e incluído polos seus excepcionais valores dentro da Rede Natura 2000, sofre desde hai anos continuos ataques, de maior ou menor relevancia, segundo indica esta entidade ecoloxista. “Non é, polo tanto, unha cuestión puntual. E neste caso, existe unha circunstancia agravante, xa que a vertedura xurde directamente desde a propia depuradora do Concello de Ponteareas e se ten repetido en varias ocasións nas últimas semanas”, denuncia.

Unha depuradora verque resíduos ao río Tea
Unha depuradora verque resíduos ao río Tea | Fonte: ADENCO

Así, lembra que leva anos achegando á cidadanía a importancia do río Tea, a todos os niveis “e dentro das posibilidades dunha asociación sen ánimo de lucro e con recursos, humanos e económicos, limitados”. Entre as súas denuncias están as verteduras industriais ou fecais, construcións agresivas nas beiras como as sendas fluviais ou a destrución de elementos patrimoniais á beira do Tea. 

Investigación

Pola súa banda, o Concello de Ponteareas suliña que ten aberta unha liña de investigación para averiguar a procedencia de vertidos puntuais que nos últimos meses están a afectar o normal funcionamento da depuradora.

 

"Estes vertidos, agresivos co sistema de depuración, non se corresponden cos vertidos que habitualmente trata a a estación de tratamento de augas residuais sita na Moscadeira, está a perxudicar o seu funcionamento", suliña nun comunicado.

 

Técnicos de Medio Ambiente acompañados da Policía Local recolleron mostras dos vertidos tanto na zona de saída da depuradora como en distintos puntos que poidan gardar relación e en diferentes arquetas para detectar a súa orixe e abrir os correspondientes expedientes sancionadores, se fora o caso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta