Goteiras no hospital de Monforte mentres a Xunta continúa cos aforros en sanidade

Este hospital sufriu pingueiras tras o paso do temporal Ana. Sanidade anuncia un aforro dun 14,4% na compra centralizada de roupa de cama e material desbotable.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 11/12/2017 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

Chove sobre mollado. E nunca mellor dito. Os profesionais denuncian os recortes continuados que sofre a sanidade pública; en materiais, persoal e servizos. Uns recortes que provocan que hospitais públicos sufran tamén, din, problemas estruturais e abandono. Este é o caso do Hospital de Monforte.

Pingueiras no Hospital de Monforte. Os sanitarios denuncian que as goteiras comezan a ser habituais nalgúns servizos
Pingueiras no Hospital de Monforte. Os sanitarios denuncian que as goteiras comezan a ser habituais nalgúns servizos

As fortes chuvias deste domingo tras o paso do temporal Ana provocaron que neste importante centro sanitario apareceran pingueiras na planta de especialidades. Unhas goteiras que tiveron que ser controladas polos propios profesionais do hospital a base de remedios caseiros como caldeiros ou toallas. 

Non é a primeira vez que un hospital público ten déficits tan severos. De feito, aconteceu o mesmo no hospital máis moderno de Galicia, o Álvaro Cunqueiro, pouco despois da súa inauguración. Entón, hai case dous anos, a zona de consultas externas semellaba un río polas numerosas pingueiras que se filtraron no edificio. Unha situación que provocou numerosas protestas. 

AFORRO

Esta situación coincide con novos aforros anunciados pola Xunta en materia sanitaria. Así, o Consello da Xunta aprobaba este xoves dúas contratacións por valor de máis de 4,6 millóns de euros para a subministración sucesiva de diferentes tipos de material os centros sanitarios das estruturas de xestión integrada (EOXI) dependentes do Sergas. Trátase da contratación de material desbotable para a recollida de fluídos e mostras e material acortante e punzante con risco biolóxico e para a contratación de lenzaría.

Goteira na área de consultas do hospital Álvaro Cunqueiro
Goteira na área de consultas do hospital Álvaro Cunqueiro | Fonte: jesus-manuel.com

Esta centralización permitirá, suliñaba o presidente galego, un aforro sobre o 15%, unha mellora de prezos debido á economía de escala e unha maior racionalidade na demanda, "xa que se ten feito unha importante homoxeneización de produtos". De feito, é a primeira vez que o Sergas adquire estes produtos mediante a compra centralizada. 

O Consello da Xunta tamén autorizaba o expediente de contratación da subministración sucesiva de pezas de roupa de cama, toallas e roupa de pacientes para os centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde. 

"HOMOXENIZACIÓN" DE PRODUTOS

A licitación ten un orzamento 2.277.092,42 euros (IVE incluído) para 2 anos e o obxectivo económico desta licitación é conseguir unha redución media dun 14,4% sobre os actuais prezos de mercado (384.400 € no período do contrato). "Previamente á licitación, homoxeneizaronse os produtos, de tal xeito que esta roupa é dunha calidade igual para todos os centros da rede e superior á existente. Estímase que esta licitación alcanzará ao 97% das compras desta familia de produtos", apuntaba a Xunta.

O Plan de compras centralizadas 2016-2017 do Servizo Galego de Saúde prevé a realización de 57 expedientes de compra para todos os centros do Sergas, por un valor de compra anual de 157,5 millóns de euros. Destas contratacións, 121,4 millóns de euros son compras de produtos e servizos que se incorporan por primeira vez ao sistema de compras integradas deste organismo. "Coa posta en marcha deste plan, a Consellería de Sanidade contribúe á sustentabilidade do sistema sanitario público da nosa comunidade, reducindo os prezos dos bens e servizos adquiridos no mercado, e mellorando e homoxeneizando a súa calidade en todo o sistema sanitario público", sinala Sanidade. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Nastaha Rostova delasRestrevas

A culpa é de Puchedemón e Putin... Menos do das vacinas da Lidia que di Villares que non, que aí ou se explica el mal ou entendo eu mal ou ten que demitir o Conselleiro: http://www.sermosgaliza.gal/articul... A ver, con eles sempre é un show. Hoxe si, mañá non... A culpa é do que pasa por alí... Realmente estan levando o marxismo (dos irmáns Marx) as halturas.