Villares avala a Lídia Senra e ve que quen debe dimitir é o conselleiro de Sanidade polo seu "atentado contra a saúde"

Asegura que existe "colaboración cordial" coa parlamentaria a pesar da "discrepancia" no asunto "concreto" dos criterios de vacinación

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2017 | Actualizada ás 15:00 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, eloxiou este luns o labor de Lídia Senra na Eurocámara e, após reiterar a súa "discrepancia" con ela no relativo á "seguridade" das vacinas, o que sostivo é que "se alguén debe dimitir por un tema sanitario é o conselleiro" do ramo, Jesús Vázquez Almuiña, por unha reforma do sistema que tachou de "atentado contra a saúde dos galegos".

O portavoz de En Marea, Luís Villares
O portavoz de En Marea, Luís Villares | Fonte: Europa Press

Preguntado en rolda de prensa sobre a iniciativa da eurodeputada en contra da obrigatoriedade das vacinas, Villares opinou que non está "inhabilitada" para seguir defendendo a liña política de En Marea nas institucións comunitarias a pesar desa "discrepancia" e do feito de que ela mesma decidise desvincularse da coalición de Podemos, IU e Anova.

En concreto, quen fose secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego concorreu ás eleccións á Eurocámara por Alternativa Galega de Esquerda e actualmente cóntase entre os non adscritos do macrogrupo da Esquerda Unitaria Europea.

Segundo Villares, o feito de que "non represente" a liña política da formación rupturista nun asunto "concreto" como o das vacinas non a invalida para manter o seu escano, máxime cando "non existe relación orgánica" entre ambas as forzas. A partir de aí, agradeceu a "colaboración cordial" que manteñen, até o punto de que tivo ocasión de entrevistarse con ela na súa recente visita a Bruxelas.

Dito isto, o maxistrado en excedencia puxo en valor o labor da exsindicalista en defensa dos intereses de distintos sectores importantes para Galicia, como o lácteo e o pesqueiro, ao igual --proseguiu-- que outros "aliados estratéxicos" no Parlamento europeo, como IU e Podemos. "E espero que o poida seguir facendo", resolveu.

Nunha iniciativa parlamentaria, Senra denunciou os "efectos secundarios" e "contraindicacións" das vacinas, que poden "provocar a morte", e cuestionou a súa obrigatoriedade "dado que ninguén puido demostrar a súa seguridade".

"DEBE DIMITIR" ALMUIÑA

A continuación, Luís Villares recalcou que "se alguén debe dimitir" por asuntos relacionados coa sanidade é o conselleiro; ou ben os dous altos cargos do Sergas que están a ser investigados por prevaricación e homicidio imprudente a raíz do falecemento de oito enfermos de hepatite C que agardaban o seu tratamento.

Ao fío diso, cuestionou que manteñan "altas responsabilidades" mentres se analiza se denegaron ou atrasaron o tratamento destes enfermos "non por motivos médicos, senón económicos".

Neste punto, sinalou que tamén son "responsables políticos", e "cómplices", quen non os destitúen, en referencia ao titular de Sanidade e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Adicionalmente, xustificou a petición de dimisión de Vázquez Almuiña no "ataque ao dereito á saúde" dos galegos que perpetrou "con nocturnidade e aleivosía" aproveitando a ponte festiva.

En concreto, o Consello da Xunta aprobou o xoves, para a súa remisión ao Parlamento, a reforma da lei galega de saúde que reduce a sete as áreas sanitarias --a organización da xestión sanitaria xa pivotaba sobre sete estruturas de xestión integrada, pero sobre o papel eran 11 as áreas-- e crea 14 distritos.

"OBVIA" AS PROTESTAS

Respecto diso, o portavoz de En Marea reprobou que se "obvien" as críticas dos profesionais a ese texto e as "das 40.000 persoas" que saíron á rúa para protestar nas catro áreas que se suprimen.

"A xente non quere que lle quiten o médico. Nin os votantes do PP o consentirán", advertiu sobre este "atropelo", consciente de que, en materia de saúde, "a distancia crea problemas e a proximidade salva vidas".

Por iso, asegurou, tampouco a formación rupturista "resignarase", senón que apoiará as mobilizacións a favor de "achegar os recursos (sanitarios) á poboación".

Ademais, ao seu xuízo, esta reforma pretende un desvío "encuberto" de pacientes á sanidade privada, pois a concentración de servizos nos grandes hospitais provocará que non poidan atender toda a demanda. "Fará á sanidade pública dependente da privada", denunciou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Benxamin

Lidia dimisión, eres unha transfuga

1 Herodes

Non hai cristo cos entenda.