Denuncian o “servizo pirata” da vixiancia de edificios públicos en Galicia

USO critica os continuos atrasos de salarios aos vixiantes do Parlamento. A Cámara galega apunta que xa se puxo en contacto coa empresa adxudicataria do servizo para que cumpla cos seus compromisos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/12/2017 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

A actual adxudicataria da seguridade do Parlamento de Galicia, RMD SEGURIDADE, acumula denuncias por atrasos en abono de salarios e incumprimento do convenio colectivo de empresas de seguridade en varios servizos da Administración Pública en Galicia. Unha situación que foi denunciada xa pola Federación de Traballadores de Seguridade Privada da Unión Sindical Obreira (FTSP-USO) por incumprimentos en materia salarial.

Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia
Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia

Por iso, Iván Branco, secretario de Organización Estatal da FTSP-USO, critica que as administracións sigan adxudicando servizos a este tipo de “empresas pirata” e a incoherencia das mesmas. “Seguen permitindo os incumprimentos destas compañías, á vez que están a prometer ao sector unha contratación pública de calidade e respectuosa cos dereitos dos traballadores, cando non é así”, suliña.

Branco, di que desde o sindicato están a esperar a entrada en vigor da nova Lei de Contratación Pública, prevista para o próximo mes de marzo, e que o Goberno anunciou como o veto á entrada de empresas deste calibre en licitacións públicas. 

A CÁMARA PIDE EXPLICACIÓNS

Pola súa banda, desde a Cámara galega sinalan en declaracións a GC que a situación dos vixiantes da concesionaria que prestan servizo no Parlamento de Galicia forma parte dunha “relación xurídico privada entre os citados traballadores e a empresa adxudicataria do contrato”.

En todo caso, puntualizan que aínda que a Cámara é allea ás relacións laborais empresa-traballadores, unha vez que tivo coñecemento das queixas sindicais sobre a xestión laboral da empresa a finais do pasado mes de novembro, púxose en contacto coa mesma para “trasladarlle a preocupación da institución en relación coa situación descrita polos traballadores”. Ademais, lembroulle que é á empresa “á que lle corresponden todos os deberes inherentes á súa condición de empregador”.

Ademais, fontes parlamentarias suliñan que se lle pediu a RMD seguridad que informe sobre as circunstancias que puideran ter motivado o escrito dos traballadores de cara a evitar situacións que poidan interferir no desenvolvemento dun servizo “especialmente sensible”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta