Prisión sen fianza para o home detido por apuñalar mortalmente a outro en Carballo (A Coruña)

A causa instruirase pola lei do xurado por suposto asasinato logo de recibir a vítima 50 puñaladas, e investígase un axuste de contas

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2017 | Actualizada ás 20:30 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A titular do Xulgado de Instrución número 3 de Carballo, en funcións de garda, decretou prisión provisional sen fianza para o home detido o pasado venres por apuñalar mortalmente a outro nunha estrada secundaria deste municipio.

Segundo informaron a Europa Press fontes da Garda Civil, o home foi posto pouco despois das 13,00 horas deste luns a disposición deste xulgado após permanecer nos calabozos a fin de semana.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) informa de que a causa será instruída seguindo a Lei do Xurado. A xuíza acordou todas as dilixencias solicitadas pola Fiscalía e algunha outra que ela considerou pertinente.

Así, sen prexuízo do que depare a investigación, a causa séguese por un suposto delito de asasinato, ao entender que existen as agravantes de aleivosía e ensañamiento (o informe preliminar de autopsia indica a existencia dunhas 50 puñaladas), e outro delito de tenencia ilícita de armas.

O sospeitoso portaba no momento da detención unha arma de fogo, aínda que todas as lesións que presentaba o falecido son por arma branca, indica o TSXG.

XUÍZO RÁPIDO POR RESISTENCIA

Por outra banda, o detido terá este martes un xuízo rápido por unha peza separada, aberta polo mesmo xulgado, por resistencia á autoridade no momento da detención pola Policía Local de Carballo.

O TSXG apunta que non está previsto que o acusado se desprace de novo até os xulgados, senón que será por videoconferencia desde a prisión de Teixeiro.

CRIME

En concreto, o crime tivo lugar pasadas as 21,00 horas do venres na Avenida dos Abetos, a estrada que una a parroquia de Bértoa coa de Oza. Fontes próximas á investigación explicaron a Europa Press que a investigación se centra nun axuste de contas como principal hipótese.

Após recibir o aviso da presenza dun corpo por parte dun particular, as forzas e corpos de seguridade iniciaron na noite do venres unha investigación que deu como resultado a detención do presunto autor por parte da Policía Local logo dun pequeno accidente de tráfico.

Unha vez trasladado aos calabozos da localidade, a Garda Civil fíxose cargo da investigación, que trata de esclarecer se a agresión está relacionada con asuntos de tráfico de drogas.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta