Temas: VIGO AUGA

A auga da área de Vigo é de "mala calidade" e nalgúns puntos, "non apta para o consumo"

As análises realizadas polos inspectores de Saúde Pública da Consellería de Sanidade confirman que a auga ten valores de ferro superiores aos recomendados.

Por E.P. | Vigo | 11/12/2017 | Actualizada ás 21:21

Comparte esta noticia

As análises realizadas polos inspectores de Saúde Pública da Consellería de Sanidade na rede de abastecemento de Vigo e de varios municipios da súa área confirman que a auga é "de mala calidade" e, nalgúns puntos, "non apta para o consumo", debido a que os valores de ferro son superiores aos recomendados. Así o confirmou este luns a xefa territorial de Sanidade, Ángeles Feijóo, quen explicou que, a nivel xeral, a auga segue sendo "de mala calidade", aínda que sexa potable.

Auga da billa.
Auga da billa.

Ángeles Feijóo precisou que as mostras analizadas en determinados puntos, como nas zonas de Sanjurjo Badía e Valladares en Vigo, en Berducedo-Moaña, en San Esteban de Redondela ou nun punto da rede do Porriño, indican niveis de ferro por enriba de 600 ppb (partes por billón), o que significa que a auga non é apta para o consumo humano.

Estes resultados proceden de mostras extraídas o pasado sábado e, segundo precisou Feijóo, nalgúns casos difiren dos resultados facilitados pola concesionaria Aqualia (de mostras tomadas o domingo). Por iso, repetíronse as análises este luns, para comprobar por que se produciu esa "dispersión".

Así, os estudos do laboratorio da empresa mostran que os valores son "estables", tanto en Vigo, como en Soutomaior, Moaña e Redondela, aínda que estarían "preto de superar o límite" nalgúns puntos.

COMPROBACIÓN DE RESULTADOS

Segundo explicou a xefa do Servizo de Control de Riscos Ambientais, Natalia Botana, tanto técnicos de Sanidade como da empresa volveron tomar mostras este luns "nos mesmos sitios, á vez, e da mesma maneira", para que se poidan confrontar os resultados.

Ademais, Sanidade requiriu aos xestores do abastecemento para que aclaren o seu método de ensaio e o grao de certificación ou acreditación dos seus laboratorios.

En todo caso, a confirmación de que hai puntos onde a auga non é apta para o consumo, implica que a Xunta pide á concesionaria e á administración municipal que tomen medidas. De manterse eses valores no tempo, "haberá que valorar" outras actuacións.

SEGUIMENTO

Tanto a xefa territorial de Sanidade como a xefa do Servizo de Control de Riscos Ambientais precisaron que, a pesar dos resultados, non se pode falar dunha "alerta sanitaria", unha situación excepcional que requiriría de medidas máis severas (incluso a restrición de abastecemento).

Segundo explicaron, os actuais valores das análises obrigan a manter o "seguimento" e vixilancia, coa realización de mostraxes diarias, para estudar a evolución da calidade da auga. De feito, explicou Ángeles Feijóo, é "moi probable" que as choivas caídas nas últimas horas alteren os parámetros nos próximos estudos.

Temas: VIGO AUGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cachamuinha

Non importa, con que haxa alumeado do Nadal xa estamos contentos