Temas: CHUVIA

Nunca tanto choveu en Galicia

A borrasca Ana, que deixou o domingo 232 litros por metro cuadrado na estación da Lama, supón un récord histórico de precipitacións no país, superando os 218 litros rexistrados no aeroporto de Lavacolla en 1987. "Non houbo tregua en 24 horas", afirma Carlos F. Balseiro, meteorólogo de 4gotas.com.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/12/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Un rexistro histórico. Nunca tanto chovera en Galicia. O paso da borrasca profunda Ana deixou cifras récord no país. Os 232 litros por metro cuadrado rexistrados no municipio pontevedrés da Lama supoñen un récord histórico dende que hai datos en Galicia.

Temporal en Santiago, choiva, temporal, paraugas, vento
Temporal en Santiago, choiva, temporal, paraugas, vento

Eses 232 litros na estación de Aemet-Galicia na Lama superan todos os rexistros existentes anteriormente: os 218 litros por metro cuadrado no aeroporto compostelán de Lavacolla o 14 de outubro de 1987 e os 217,6 do Monte Aloia en Tui o 21 de outubro do 2001, coincidindo coas últimas eleccións que gañou Manuel Fraga para o PP.

“Agás na Mariña lucense ou na zona de Verín que houbo algún respiro, non houbo tregua nas 24 horas do domingo en toda Galicia. Nós non atopamos ningún rexistro superior. Non hai rexistros tan altos en moitas das estacións de Galicia”, afirma Carlos Fernández Balseiro, meteorólogo de 4gotas.com e cunha longa experiencia en Meteogalicia.

E é que demáis dos 232 l/m² da Lama, rexistráronse intensas precipitacións por todo o país: 209,6 l/m² en Beariz (Ourense); 184 l/m² en Forcarei (Pontevedra) e Entrimo (Ourense); 177 en Ponte Caldelas (Pontevedra) e Guitiriz (Lugo); 169,6 na Estrada e 162,6 en Rois; 155 en Vilalba e 150 l/m² en Avión.

“Das 12.00 da mañá ás 12.00 da noite, choveu o previsto, pero nas doce primeiras horas do días choveu máis do agardado, por iso se alcanzaron rexistros históricos”, apunta Balseiro. “O vento era do suroeste, por iso nas montañas de Fornelos, A Lama ou Forcarei foi onde houbo máis precipitacións, no lado do vento. O mesmo sucedeu nas montañas entre A Coruña e Lugo ou nas da Limia”, argumenta o meteorólogo de 4gotas.com para explicar as intensas precipitacións rexistradas por todo o país.

De feito, as choivas provocadas polo paso da borrasca 'Ana' elevaron a ocupación dos encoros da demarcación hidrográfica Galicia-Costa ata o 55,5%, o que supón un incremento de máis de 13 puntos desde o 42% ao que se atopaban hai unha semana. En concreto, o encoro de Eiras está ao 73,4%, cando sete días atrás estaba ao 37% da súa capacidade.

Temas: CHUVIA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta