A Fegamp defende a "boa saúde económica" dos municipios ante o "rescate" dos Blancos, primeiro caso en Galicia

O presidente da entidade municipalista ve puntual a situación "desesperada" que conduce á intervención do concello ourensán

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2017 | Actualizada ás 20:22 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García (PSdeG), tamén rexedor do Barco de Valdeorras (Ourense), defendeu a "boa saúde económica", en termos xerais, dos municipios da comunidade, e subliñou que "non se pode xeneralizar" co caso dos Blancos.

Alfredo García
Alfredo García | Fonte: Europa Press

Os Blancos é, segundo ratificaron a Europa Press fontes da Xunta, o primeiro concello da comunidade que activou os trámites para que, conforme ás posibilidades abertas no seu día pola Lei de racionalización e sustentabilidade da Administración local, poida realizar unha "dispensa de servizos" na Deputación de Ourense.

En concreto, o Consistorio ourensán prevé traspasar á Deputación os servizos de abastecemento, saneamento e o Imposto de Bens Inmobles (IBI) para acceder a un crédito do Instituto de Crédito Oficial (ICO) que lle permitirá emendar a débeda de 1,7 millóns de euros que mantén coa Seguridade Social e a Axencia Tributaria.

E é que a lei de sustentabilidade local incide na responsabilidade das deputacións no que respecta á asistencia dos concellos, especialmente os de menor capacidade económica e de xestión.

Por exemplo, no seu artigo 36 (relativo a competencias) recolle que as deputacións asumirán a prestación dos servizos de tratamento de residuos nos municipios de menos de 5.000 habitantes, e de prevención e extinción de incendios nos de menos de 20.000 habitantes, "cando estes non procedan á súa prestación".

Tamén inclúe nas competencias das deputacións a asistencia na prestación dos servizos de xestión da recadación tributaria, en período voluntario e executivo, e de servizos de apoio á xestión financeira dos municipios con poboación inferior a 20.000 habitantes --unha gran parte dos galegos--.

"UN RESCATE"

En declaracións a Europa Press, despois de transcender o paso dado polos Blancos, o presidente da Fegamp apelou a "non xeneralizar" e puntualizou que a situación financeira deste municipio é "desesperada" e arrástrase "desde hai varios anos".

Se a Xunta incide en que este é o caso que lle consta polo momento e o "primeiro" en Galicia, Alfredo García pediu que non se estenda a percepción de que a "delicadísima" situación dos Blancos que leva, "en termos coloquiais, ao seu rescate", é un problema de xestión "xeneralizado" nos concellos da comunidade.

"Máis ben ao contrario, a saúde económica dos concellos é boa, outra cousa é que pidamos un financiamento mellor, pero porque consideramos que a repartición é inxusta", proclamou, antes de engadir que "o tamaño tampouco ten que ver" e que os municipios máis pequenos non necesariamente teñen maior dificultade de xestión.

De feito, sen entrar na situación financeira concreta dos Blancos porque "non corresponde" á Fegamp, subliñou que os datos das liquidacións evidencian "que hai unha boa xestión xeneralizada nos concellos". "Este é, por dicilo dalgunha maneira, un problema de economía doméstica", aseverou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta