Esixen á Xunta que solucione o problema das Urxencias

CCOO acusa a Sanidade de "falta de previsión" e "mala xestión" ante o colapso que se repite ano tras ano en varios hospitais coa chegada da campaña da gripe e pide a retirada da Lei de saúde pública de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/12/2017 | Actualizada ás 10:46

Comparte esta noticia

A Federación de Sanidade de CCOO insta a Xunta de Galicia a solucionar o problema dos servizos de Urxencias, pois en varios hospitais do país xa están colapsadas cando a campaña da gripe non fixo máis que comezar. O sindicato repróchalle ao Goberno galego, en particular á Consellaría de Sanidade, "falta de previsión" e "mala xestión", porque a situación se repite cada ano sen que se tomen medidas.

Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña
Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña | Fonte: @urg_CHUAC.

O secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, afirma que os hospitais galegos precisan "profundos cambios" no seu funcionamento e nos recursos de que dispoñen. Na súa opinión, cómpren máis camas públicas hospitalarias, e os quirófanos e outros servizos centrais —como laboratorios ou radioloxía— deberían funcionar tamén en quenda de tarde.

O sindicalista pide a recuperación dos cadros de persoal, minguados nos últimos anos por culpa da "ínfima" taxa de reposición. "Con menos recursos humanos e técnicos é imposible corrixir a situación", advirte Cameselle.

RETIRADA DA LEI DE SAÚDE PÚBLICA

Alén destas eivas, o secretario xeral de CCOO-Sanidade advirte do "grave prexuízo" que ocasionará a posta en marcha da Lei de saúde pública de Galicia, cuxa retirada esixe o sindicato. A nova norma prevé a eliminación de catro áreas sanitarias, polo que haberá menos servizos preto dos usuarios do sistema, máis desprazamentos aos hospitais das grandes cidades —en detrimento dos comarcais— e maior transvasamento de recursos públicos ao sector privado.

Por todo isto, CCOO defende un pacto entre forzas sociais que, en primeiro lugar, implique un incremento orzamentario para a sanidade pública. Tamén pide a fin do "recurso sistemático" á concertación e privatización da sanidade, porque "non representou maior eficiencia, pola contra, é parte importante do problema e dos custos". En definitiva, "cómpre unha aposta pola sanidade pública", insiste Cameselle.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Aspirina

No CHUAC, na planta 11 que comparten Infecciosas e Medicina Interna, eliminouse a sala de estar dos pacientes e familiares, para facer un Despacho Médico, xa que os de Medicina Intena non queren compartir despacho con Infecciosas. Os doentes e familiares quedaron sen sala de estar