Novo caso de paciente citado polo Sergas tras ameazar con acudir á Xustiza

A Plataforma Sanitaria A Mariña expón o caso dunha muller que leva medio ano agardando por un ecocardiograma de estrés. Anteriormente denunciaron o caso dun home chamado a facer unha resonancia tras ameazar tamén con tomar medidas legais.

Por Galicia Confidencial | Burela | 13/12/2017 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

Xa son varios os pacientes que foron citados polo Sergas para recibir a atención solicitada logo de que estes ameazaran con acudir á Xustiza polo retraso nas citacións. Agora trátase dunha muller que, nun escrito, facía responsable á subxerencia executiva do Hospital da Costa e á xerencia do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de todo o que lle poidese pasar se non era citada para facer un ecocardiograma.

Hospital da Costa de Burela
Hospital da Costa de Burela | Fonte: Sergas.

Tras seis meses de espera para facer un ecocardiograma de estrés e logo de presentar dúas  reclamacións en Atención ao Paciente sen que fosen atendidas as súas demandas , decidiu facer unha terceira reclamación, pero neste caso acompañada dun escrito dirixido á Subxerencia Executiva do Hospital da Costa.

A muller está tomando un tratamento para o corazón sen saber se o precisa ou non, xa que non ten un diagnóstico. "A partir de hoxe fágolles responsables de todo canto me poida pasar en relación coa miña saúde, pois rinse vostedes dos pacientes", escribiu a doente.

No escrito, que presentou na dirección do centro o día 27 de novembro, con rexisto de entrada número 2735, a paciente dá un paso máis ante a "desidia dos órganos xestores do hospital", informa a Plataforma Sanitaria A Mariña.

"Visto que neste hospital as reclamacións van a un caixón en fondo, tomarei as medidas legais oportunas contra a dirección do Hospital e a Xerencia Integral de Lugo, por ser de xustiza", conclúe a muller.

O día 30 de novembro a paciente recibiu unha chamada telefónica do Hospital no que se lle comunicaba que tiña cita para facer o ecocardiograma de estrés o día 22 de decembro de 2017.

Membros activos da Plataforma Sanitaria amósanse "indignados ante o modo de xestión que está a seguir a dirección do centro para tentar calar a xente e que non cheguen máis lonxe as protestas dos veciños".

"Só se presentas unha reclamación ameazando con tomar medidas legais atenden as demandas da poboación. É escandaloso e até obsceno. Pero estes non son casos illados, estamos ante a punta dun iceberg" conclúen desde a Plataforma Sanitaria.

O pasado 1 de decembro, esta plataforma expoñía outro caso semellante, o dun doente que fora chamado a facer unha resonancia tras reclamar e ameazar con tomar medidas legais, ao ser citado para o seu diagnóstico en novembro de 2018.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Melón

Resultado elecciones autonómicas 2016 Lugo: PP 52,85 %, PSdeG 19,02 %, EN MAREA15,37 %, BNG-NÓS 7,4 %. A disfrutalo.