Denuncian o Concello de Sobrado por contratar servizos externos de urbanismo malia ter unha aparelladora municipal

CCOO di que se trata dunha “neglixencia” da alcaldesa que despediu á traballadora pública. O sindicato, que xa se puxo en contacto cos grupos políticos locais, rexeita a externalización de servizos e a vulneración de dereitos laborais.

Por Galicia Confidencial | Sobrado dos Monxes | 14/12/2017 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

O pasado 28 de novembro, nun escrito dirixido á representante sindical do persoal laboral, a Alcaldía de Sobrado procedía de xeito unilateral ao despedimento dunha traballadora deste Concello. A afectada pola medida era a aparelladora municipal, que prestaba servizos neste concello coruñés desde o 2009.

Concello de Sobrado
Concello de Sobrado | Fonte: xurdemoran.blogspot.com

Os motivos argumentados pola rexedora eran “razóns organizativas e de produción”. Así mesmo, afirmaba que “practicamente a totalidade dos proxectos promovidos polo Concello e certificacións de obra son encargadas a técnicos externos”.  É dicir, que a pesar de ter unha traballadora municipal na Área de Urbanismo, o concello utilizaba servizos externos para impulsar proxectos deste departamento.

A situación xa está en mans sindicais.  CCOO denuncia este despedimento, a vulneración de dereitos laborais e rexeita a externalización de servizos que provocará a medida.  Así mesmo, xa se puxo en contacto cos grupos políticos locais para que presenten unha moción instando a alcaldesa, María Jesús García Souto, a deixar sen efecto esta decisión.

EXTERNALIZACIÓN

CCOO asegura que non se achegou documentación ningunha que probe o despedimento da traballadora. “As traballadoras e traballadores municipais non pode ser culpable de actuacións irresponsables dos seus gobernantes, que externalizan traballos tendo persoal propio”, indica nun comunicado.

Desde Comisións non entenden que a Alcaldía pretenda beneficiar persoal externo en detrimento do propio. Ademais, amosa a súa “inquedanza” porque alguén externo manexe datos persoais e información sensible sen estar suxeito á obriga de reserva que teñen as empregadas e empregados públicos. Ademais, lembra que á aparelladora a ampara o dereito de subrogación —artigo 44 do Estatuto dos Traballadores—, co que colide a pretensión da alcaldesa de “organizar o servizo con técnicos externos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta