A "falta de planificación" da Xunta para evitar o 'chapapote de monte'

O catedrático Francisco Díaz-Fierros sostén que o Goberno galego debeu priorizar a protección do chan nas zonas calcinadas e estima que os arrastres "deberon ser moi importantes". O edafólogo ve "o peor escenario posible" na sucesión de seca, incendios e choivas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2017 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

O catedrático emérito de edafoloxía e química agrícola da Universidade de Santiago de Compostela Francisco Díaz-Fierros cre que "faltou planificación inicial" por parte da Xunta para determinar cales eran as áreas prioritarias sobre as que intervir para protexer os chans en zonas que arderon na vaga de incendios de outubro. Aínda que recoñece que agora "hai unha vontade política" que antes non existía, e que Galicia é unha das poucas comunidades que está a traballar na protección fronte á erosión postfuego, Díaz-Fierros bota en falta esa "planificación inicial".

O catedrático Francisco Díaz-Ferros publica un libro sobre a auga
O catedrático Francisco Díaz-Ferros publica un libro sobre a auga | Fonte: Europa Press

E é que, segundo advirte, "todo o territorio é imposible" de abarcar, posto que as tarefas de control fronte a arrastres teñen un custo, e hai que elixir prioridades, pola súa posible afección sobre bancos marisqueiros, por exemplo.

En calquera caso, lamenta que a sucesión de seca, incendios e choivas torrenciais que se deu nos últimos meses "foi o peor que puido pasar" pensando na futura erosión e degradación dos terreos. Foi "o peor escenario posible".

"Probablemente", indica, as medidas de control adoptadas "non chegaron", posto que "foi moito" o ocorrido, cunha vaga de incendios que queimou máis de 49.000 hectáreas e unha borrasca, 'Ana', que deixou precipitacións copiosas en todo o territorio galego. Así que "os arrastres deberon ser moi importantes", segundo vaticina este experto.

CLIMA EXTREMO

Díaz-Fierros, que presentou este xoves un libro sobre a auga en Fonseca, avisou de que as situacións extremas, con períodos de "moita" seca alternados de choivas torrenciais, van ir "cada vez a máis".

Este profesor emérito, que defendeu a súa tese de doctoramento en 1967 e por tanto leva 50 anos dedicándose á investigación da auga e do chan, puxo en relación este tempo extremo co cambio climático, e cos modelos a partir dos cales "non hai dúbida" de que as temperaturas van incrementarse nos próximos anos e as precipitacións van diminuír, a pesar de que existe un nivel de "incerteza".

Así, viu na última semana un "exemplo paradigmático do que pode ser o futuro" en termos meteorolóxicos, ao pasar de "unha seca extraordinaria" a diluvios tamén fóra do normal. "Do branco ao negro nunha semana", ilustrou.

A XESTIÓN DA AUGA

Precisamente neste contexto, no relativo á xestión da auga, Díaz-Fierros identifica na unificación de criterios entre as distintas concas "a gran tarefa política pendente", e céntrase no caso galego para explicar como diferentes sistemas de medida, control e interpretación (nas demarcacións Galicia-Costa e Miño-Sil) dificultan levar as contas do recurso.

Neste plano, observa que queda "moito que andar", tamén no que ten que ver cos sistemas de predición. "Non son os mesmos criterios, aínda que digan que si", comenta, citando o caso concreto do regadío. "Uns din que son 20.000 hectómetros cúbicos, outros 60.000 e outros 200.000... con esas variacións, é difícil comprender", apostila.

Outra cuestión que debe cambiar, ao seu xuízo, é a do prezo da auga para o usuario, que non reflicte "os custos reais" de potabilización e o resto de operacións. "Debería ir reflectíndoo", segundo destacou, en liña coas recomendacións europeas neste campo.

'AUGA PARA TODOS'

Auga para todos é o libro que presentou este xoves Francisco Díaz-Fierros, cando se cumpren 50 anos e un mes da lectura da súa tese. Na súa opinión, a ciencia "ten que baixar do seu trono", por iso é polo que decidise condensar nesta obra toda unha vida de investigación, e cunha linguaxe "alcanzable, para todos".

O prologuista, o catedrático de enxeñaría hidráulica da Universidade da Coruña Jerónimo Puertas, valorou a síntese de "moitos anos de coñecemento" que supón este libro "imprescindible". Na mesma liña, o director do servizo de publicacións, Xoan Blanco, e a vicerreitora de cultura da USC, Dolores Álvarez, reivindicaron a obra como "oportunísima", nun tempo de seca prolongada e após a chegada da primeira borrasca profunda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta