Por Xurxo Salgado | Compostela | 14/12/2017 | Actualizada ás 15:08
“Os profesioniais están traballando dentro dun sistema eficiente”. Así respondeu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cando se lle preguntou polo colapso do servizo de urxencias que se deu a principios desta semana na Coruña, Vigo e Ourense.
O máximo dirixente da Xunta pediulle aos usuarios da sanidade un “uso responsable” das urxencias e recomendoulle aos pacientes que tamén poden acudir aos puntos de Atención Primaria para solventar problemas sanitarios. Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo tamén lembrou que ata o 29 deste mes está aberta a campaña de vacinación e que, polo tanto, os usuarios poden acudir con calma aos centros hospitalarios.
A Consellería de Sanidade informou este mércores da melloría da situación nos servizos de Urxencias dos hospitais galegos após repuntes de actividade a principios de semana e indicaba que "mentres haxa camas non hai colapso". O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, manifestaba que se realizaron reforzos puntuais de persoal de enfermaría, médico e auxiliares, así como do servizo de limpeza nalgúns hospitais a raíz do aumento da demanda asistencial en días pasados.
O pasado luns a Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) denunciaba a existencia de "colapso" en urxencias, "cuns 50 pacientes á espera de cama" nesta xornada. Tamén o sindicato CCOO pedía explicións polo caos neste servizo e pedía respostas por parte da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.