A 'xubilación' de Amancio Ortega

O anuncio do abandono de todos os seus cargos en Inditex interprétase no mundo económico como o inicio da retirada definitiva do fundador da compañía téxtil. Malia todo, o empresario, de 81 anos, segue sendo o principial accionista co 59,2% dos títulos e mantense como membro do consello de administración.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 15/12/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

“Unha medida puramente administrativa”, segundo fontes da compañía, pero interpretada no mundo económico como un paso definitivo no proceso de sucesión iniciado hai seis anos, cando abandonou as funcións executivas de Inditex e Pablo Isla asumiu a dirección do grupo. Ata hola.com titulou: “Amancio Ortega, fin de una era?”.

Amancio Ortega, con 81 anos, deixa todos os cargos en Inditex.
Amancio Ortega, con 81 anos, deixa todos os cargos en Inditex. | Fonte: @TVGalicia

Coincidindo coa presentación de resultados dos nove primeiros meses do 2017 (un beneficio de 2.341 millóns, un 6% máis que no exercicio anterior), o Boletín oficial do Rexistro Mercantil (Borme) recollía que Amancio Ortega abandonaba a súa condición de administrador en ata 53 filiais do Grupo Inditex.

En concreto, o fundador e máximo accionista da empresa téxtil deixa de figurar como apoderado de Zara, Berskha, Lefties, Oysho, Pull&Bear, Stradivarius e Massimo Dutti, entre outras. Aparte das sociedades vinculadas ás principais marcas, tamén saiu doutras dedicadas á loxística, ao diseño, a supervisión ou o control de actividades, como Tempe Diseño, Zara Home Logística ou Zara Diseño.

“Amancio Ortega culmina su salida de todo cargo de Inditex”, titulaba en portada Expansión. “Amancio Ortega inicia su retirada”, interpretaba elEconomista. “Amancio Ortega abandona todos sus cargos en Inditex”, era o reclamo de Cinco Días.

Malia a todo, o empresario coruñés nado en León, de 81 anos, segue sendo o principal accionista de Inditex, cun 59,2% das accións valoradas en arredor de 60.000 millóns, e segue sendo conselleiro da empresa. A súa condición de fundador fai que estea exento da obriga de xubilarse aos 68 anos como o resto dos conselleiros.

De xeito paralelo ao abandono de Amancio Ortega dos seus cargos en Inditex, a súa filla, Marta Ortega, foi adquirindo máis protagonismo. A chamada a ser herdeira do imperio téxtil traballa actualmente no departamento de diseño de Zara Woman.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta