O BNG presentará no Parlamento unha emenda de devolución á reforma da Lei de saúde galega

Cre que "suporá un paso atrás" no dereito á saúde e acusa ao PP de "derrubar un ben tan importante como a sanidade pública"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2017 | Actualizada ás 17:51 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O BNG presentará no Parlamento galego unha emenda de devolución á reforma da Lei de saúde galega aprobada polo Consello da Xunta o pasado 7 de decembro.

Ana Pontón coa xunta de persoal do Hospital do Salnés
Ana Pontón coa xunta de persoal do Hospital do Salnés | Fonte: Europa Press

Así o anunciou a portavoz nacional de Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), onde acudiu para manter unha reunión coa xunta de persoal do Hospital do Salnés.

Aínda que non precisou a data na que se presentará a emenda, Ana Pontón adiantou que a súa formación tomará esta medida "para que o Parlamento de Galicia free un novo atentado contra a sanidade pública".

Ana Pontón lembrou que nos últimos anos Galicia perdeu 700 camas nos seus hospitais, 2.000 profesionais sanitarios e 2.000 millóns de euros en recursos destinados á sanidade e Atención Primaria.

En opinión da portavoz nacionalista, o Partido Popular ten unha folla de ruta que pasa por "desmantelar e deteriorar cada vez máis a sanidade pública galega", o cal vulnera, engade, un dereito fundamental. Tamén acusou aos populares de "favorecer que haxa empresas que estean a facer negocio cun ben tan importante como é a saúde".

TEMA PRIORITARIO

Así mesmo, Ana Pontón considera que a reforma desta lei "lonxe de arranxar esta situación suporá un paso atrás" no dereito á saúde dos galegos. "O que está a facer o Partido Popular é derrubar un ben tan importante como é a sanidade pública que construímos entre todos", reprochou.

Fronte a esta situación, o BNG converterá en "un tema prioritario" da súa "axenda política" a defensa da sanidade pública e a loita por paralizar "esta contrarreforma que só esconde recortes e privatizacións".

Neste sentido, ademais da emenda de devolución que se presentará no Parlamento de Galicia a portavoz do BNG anunciou que a súa formación fará "fronte común" con outras organizacións sociais e políticas, así como cos veciños, en defensa "dunha conquista tan importante como é o dereito á saúde".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta