Temas: TURISMO

As axencias de viaxe e empresas de turismo de Galicia terán que avalar con cartos o seu negocio

Trátase de presentar un aval co que responder a supostos de posibles quebras ou insolvencias para indemnizar a usuarios afectados.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/12/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A partir de agora todas as axencias de viaxe de Galicia deberán contar cunha garantía económica, un aval, para realizar o seu traballo. Así o aprobou o Consello da Xunta este xoves para actualizar a actual lei á normativa europea.

Pasaxeiros no interior dun avión
Pasaxeiros no interior dun avión

Deste xeito, a Xunta autorizou a modificación dun artigo do decreto de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo co obxectivo de adaptalo ao marco europeo. A modificación refírese ao artigo 16 do Decreto 42/2001, no referente ás garantías que deben constituír as empresas organizadoras ou retallistas de viaxes combinadas para os usuarios. 

"A garantía derivada desta modificación proporcionará así máis protección ás persoas usuarias fronte á quebra ou insolvencia das empresas organizadoras e as retallistas de viaxe combinadas, que deberán constituír a dita garantía con carácter previo ao exercicio da súa actividade e mantela de xeito permanente", apuntou a Xunta.

Garantía para os usuarios

Esta garantía permitirá responder ao incumprimento das obrigas derivadas da prestación dos servizos contratados e ao reembolso efectivo dos pagamentos realizados polos viaxeiros na medida en que estes non se prestasen. 

Segundo o Goberno galego, o decreto foi sometido ao preceptivo informe do Consello do Turismo de Galicia, así como á consulta das organizacións máis representativas do sector e ao informe do Consello Galego de Consumidores e Usuarios. A súa entrada en vigor será o día seguinte as da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. 

Temas: TURISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta