Por unha lei que protexa os dereitos dos galegofalantes

A Mesa defenderá o vindeiro martes no Parlamento a iniciativa lexislativa popular presentada xunto con 28.000 sinaturas con medidas para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito económico. "Non pode ser que no 2017 a lingua galega sexa a única do Estado que non conta cunha lexislación que protexa a quen a usa", apunta Marcos Maceira.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/12/2017 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

A iniciativa lexislativa popular (ILP) presentada pola Mesa con medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico tramitarase o vindeiro martes no Parlamento de Galicia. A iniciativa que promove A Mesa pola Normalización Lingüística chega avalada por máis de 28.000 sinaturas, apoios que case triplican o mínimo esixido. Ademais, contaron con ducias de empresarios e representantes do ámbito económico, cultural, político e social que avalaron esta iniciativa de lei, que pretende garantir que as persoas consumidoras e usuarias teñan o dereito a ser atendidas e entendidas en galego se así o solicitaren.

Iniciativa lexislativa popular presentada pola Mesa no Parlamento.
Iniciativa lexislativa popular presentada pola Mesa no Parlamento. | Fonte: amesa.gal

A iniciativa xorde polo elevado número de queixas que rexistra anualmente a Liña do Galego, servizo gratuíto da Mesa para rexistrar queixas relacionadas co idioma. “Detectamos unha vulneración sistemática de dereitos lingüísticos no ámbito económico, polo que decidimos facer unha proposta de lei que amplíe os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes e poidan ter unha ferramenta que evite a súa indefensión”, explica Marcos Maceira, presidente da Mesa.

Para pór fin ás vulneracións de dereitos lingüísticos lánzase esta ILP con catro artigos: o primeiro recolle o dereito das persoas consumidoras e usuarias a recibiren en galego toda a información, documentación e contratos sobre produtos e servizos, así como a seren entendidas e atendidas no idioma prpio polas empresas que lles prestan servizos; o segundo artigo, vai dirixido a empresas que prestan servizos ás administracións públicas de Galicia, para que inclúan o galego na atención ao público; o terceiro artigo refírese á opción de facer unha valoración adicional de todas aquelas entidades que promovan a normalización da lingua e que preguen a contratación de servizos da administracións pública galega; por último, o cuarto artigo encoméndalle ao Goberno galego que desenvolva unha campaña de concienciación e información sobre dereitos lingüísticos nos medios de comunicación, con especial atención nos de titularidade pública.

Finalmente, dende a Mesa indícase que “non pode ser que no ano 2017 a lingua galega sexa a única lingua do Estado que non conta cunha lexislación para protexer a quen usa o galego”. Segundo Maceira, “non pedimos nada que non estea aprobado xa para o eúskaro, catalán ou castelán”. No caso vasco, os dereitos que contempla a ILP están recollidos no Estatuto das Persoas Consumidoras e Usuarias e no catalán no Código de Consumo de Cataluña.

Dende a entidade en defensa e promoción da lingua galega, argumentan que, como sempre aconteceu en relación ao galego, é o enorme impulso popular quen vai conseguir unha mudanza práctica, real, para a lingua galega, que debe comezar coa toma en consideración e rematar coa aprobación da lei correspondente que garanta os dereitos dos galegofalantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Cuidando el chiringuito, que se viene abajo de forma natural porque la gente no quiere atraso ni ignorancia. Ya dijo el TC, al pronunciarse sobre el Estatuto de Cataluña, que la cooficialidad de una lengua incumbe a los poderes públicos, los particulares, incluso concesionarios de servicios públicos, son libres de usar la lengua que les pete. En la Administración, los trabajadores púbicos no son esclavos y tienen derechos, entre otros a usar la lengua oficial que les pete con independencia de que deban garantizar que el ciudadano sea atendido en la lengua de su elección si ese es su deseo, lo que no obliga al trabajador público a cambiar de lengua.