Temas: SGHN CULLEREDO

A Sociedade Galega de Historia Natural pide recuperar como espazo verde a península de Bunge no río Mero

A SGHN solicita ao Concello de Culleredo que os terreos sexan excluídos dunha recalificación que permita os usos dunha zona urbana.

Por Galicia Confidencial | Culleredo | 15/12/2017 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) solicitou formalmente a recuperación da coñecida como "península de Bunge", a que forma o río Mero no seu tramo final, antes de formar a ría do Burgo, e que fora ocupada desde 1967 ata 2009 por unha planta de produción de aceites, da que hoxe só quedan os cimentos.

Imaxe aérea da península de Bunge no río Mero tomada en 1956
Imaxe aérea da península de Bunge no río Mero tomada en 1956 | Fonte: SGHN.

Nestes momentos está en fase moi avanzada o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Culleredo, que na súa redacción inicial establecía que a zona da Bunge tiña unha calificación de terreo urbán e que recollía uns usos de aparcadoiro disuasorio, apeadeiro de tren, e solar de uso terciario (posible área comercial).

Esta cualificación, alerta a SGHN, "desbota devolver ao río o que lle pertence, perdéndose a oportunidade de crear unha «infraestrutura verde» que faga de filtro dos fangos que baixan polo río Mero e que rematan no fondo da ría, e que tan caro nos vai saír aos contribuíntes retirar".

No termo “infraestrutura verde" inclúense o compoñente físico, isto é, a rede de espazos verdes nos cales e a través dos cales os procesos e funcións naturais se manteñen (os ríos son un exemplo deste soporte físico), ademais dos proxectos, é dicir, as intervencións deseñadas para conservar, mellorar ou restaurar a natureza, e eses procesos e funcións naturais que aseguren múltiples servizos ecosistémicos á sociedade: recuperación das chairas de asolagamento, construción de escalas para peixes, medidas para o control da erosión, restauración de humedais e drenaxe urbano sostible, entre outras.

MEDIDAS

Para a recuperación ambiental deste espazo, a SGHN vén de solicitar ao Concello de Culleredo que os terreos da península da Bunge, e mesmo os que se puidersen delimitar nesa contorna cos estudos axeitados, deberían ser excluídos de recalificación urbanística que permita os usos dunha zona urbana. 

Tamén solicita que eses terreos se inclúan nos estudos dos organismos citados para a inclusión na rede de infraestruturas verdes e que sexan obxecto dun proxecto de recuperación que inclua a retirada dos recheo e permita que volva ser unha zona anegable de vexetación de ribeira que facilite o filtrado dos lodos que baixan polo río.

Por último, pide que se recupere como unha área de natureza para o coñecemento e gozo de fauna e flora.

A SGHN lembra que "aínda que hai NOVAS de prensa que fan referencia a que se trata dunha propiedade privada, aparentemente trátase dunha zona de recheo, como comentan mariscadores que tradicionalmente traballaron na zona hai moitos anos".

Destaca, ademais, que "se pode contrastar a imaxe do voo americano de 1956, no que a textura da imaxe é moi similar a outras zonas de vexetación de ribeira que permanecen hoxe". E que "se pode ver tamén que toda a península estaba bordeada de árbores de ribeira, e que na maior parte da superficie non había campos de cultivo, cando ao oeste, á outra beira da vía, está inzado deles".

"Parece deducirse que non eran terras aptas para cultivar por tratarse de terreo brañento e asolagable nas enchentes do río", subliña a SGHN.

Segundo investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, o incremento do espesor dos lodos no fondo da ría do Burgo é dun centímetro anual. Os expertos coinciden en que unha das medidas para filtrar eses lodos son as vexetacións de ribeira, ameneiros, xunqueiras, etc., ademais das brañas asolagables que rodeaban os ríos antes de que se lles sometera a antropización e construcións.

Temas: SGHN CULLEREDO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

Agardo que prospere este proxecto. As súas vantaxes en todos os sentidos (ecolóxico, económico, estético, social...) son innegables

1 zasvarelacrego

EXCELENTE ..IDEIA........Mans a obra xá....